maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 7 de mayo de 2011


Homo homini lupus

Actualidade de Bertolt Brecht

MV García

Son moitos os signos que mostran que Europa está a vivir unha situación semellante á que se deu antes de que Hitler asumise o poder, logo de que o seu partido fose incrementando a súa cota electoral, o que lle permitiu finalmente utilizar os beneficios do estado democrático no seu propio favor. Salvando distancias enormes en canto a medios e fins, podemos comprobar como se seguen a utilizar tácticas similares, como usar o poder para proveito dos menos, facer da mentira un recurso permanente ou culpar ao outro dos males propios. Acontecementos recentes en países, comunidades e concellos de toda Europa mostran a natureza verdadeira da clase política, que finalmente consegue converterse en clase para defender os seus privilexios. Na actual loita de clases non só están gañando os ricos, como dirá con rexouba Warren Buffett; tamén están gañando os políticos, e os resultados están á vista de quen os queira ver.

Mais ese querer e poder ver depende das capacidades e habilidades dos máis, daquilo que Bourdieu denominaba “capital escolar”, que non está ao alcance de todos, pero tamén das estratexias de lexitimación da dominación e da submisión, sobre as que tanto e tan ben escribiu Antón Gramsci. Por iso mesmo, no seu proxecto de alfabetización Paulo Freire defendía que aprender a ler non só implica unha comprensión das denotacións dun texto, senón a capacidade para situar os textos nos seus contextos, con todas as súas connotacións. Por iso, Freire enceta un proceso de alfabetización no que o individuo aprenda a ler a sociedade, unha lectura dialéctica que mostra como en toda sociedade hai forzas sociais en pugna pola hexemonía, e cada unha loita coas ferramentas que ten ao seu dispor. E os pobres do mundo, os escravos sen pan, que cada día aumentan dramaticamente, carecen de ferramentas, moitas veces mesmo senten e pensan que nin dereito teñen a posuír ferramentas de seu.

Bertolt Brecht entendeu a creación dramática e o teatro como ferramentas dos máis para desvelar eses procesos de dominación, de submisión e de subordinación, coa finalidade de que a través da contemplación da escena os seres humanos puidesen considerar a relación entre o que alí se mostraba e a súa realidade diaria, para finalmente cuestionar esa súa realidade. Por iso moitas veces se serviu de parábolas, unha das ferramentas educativas máis universais, tan útil, por exemplo, na filosofía zen.


No seu día recreou Brecht aquela peza que John Gay, como libretista, titulou The Beggar’s Opera, e que xa na versión orixinal constituía unha dura crítica verbo das maneiras en que os poderosos fan negocios que, as máis das veces, implican tráfico de influencias, uso de información privilexiada, abusos de poder, e, finalmente, corrupción xeneralizada. En España hai tantos casos, en tantos lugares, e en tantos partidos, que mesmo semella milagre que as xentes do común non teñan iniciado unha mobilización espontánea para botalos ao mar, como quería Rafael Alberti.

Mais algo lle acontece ás xentes do común, como ben sabían Gramsci ou Freire, pois esas mesmas xentes adoitan ser cómplices, por acción ou omisión, dos males do mundo. Brecht escribiu a peza titulada A resistible ascensión de Arturo UI, para mostrar esas complicidades. Unha peza que se concibe como alegoría mordaz do ascenso de Adolfo Hitler ao poder, na recreación da carreira política dun gánster de Chicago, que utiliza todos os medios posibles para eliminar toda oposición ao seu delirio.

Chega agora ás nosas mans a versión galega doutra peza singular de Brecht, a titulada A boa persoa de Sezuán, en tradución directa de Frank Meyer, editada por Laiovento. Quizais unha das obras nas que Brecht se ocupe directamente dos condicionamentos das xentes do común para facer fronte aos problemas cotiás, que en moitas partes do planeta aínda seguen sendo a procura de vivenda e a conquista do pan. Por iso, porque as condicións sociais e económicas son as máis das veces inhumanas, os seres humanos dificilmente se van poder comportar como tales. Son lobos, e como tales só coñecen a depredación, como dirá o comediógrafo romano Tito Macio Plauto na súa peza titulada Asinaria. Unha obra, a de Brecht, que mostra a importancia que vai ter a dimensión dialéctica do coñecemento e da acción humana na súa dramaturxia e que supón un agasallo enorme para as nosas letras.

O dilema de Xen Te, ou, qué culpa ten o tomate…

Xen Te é a prostituta a quen os deuses conceden un préstamo para que poida facer o ben na cidade de Sezuán, algo que acabará por serlle imposible, pois o sistema económico e social, asentado na depredación, moitas veces implica que o benestar persoal se consiga a través do malestar dos outros. O colonialismo deixouno ver con claridade, e desde aquela seguimos coa mesma trela. Para defender a súa posición Xen Te bota man dun alter ego, o seu curmán Xui Ta, e con el chega un emprendedor que, para selo, realmente debe tirar partido e proveito do traballo dos demais e camiñar polo gume da legalidade ata extremos insospeitados.


Finalmente Xen Te é levada ante a xustiza, pero os deuses, coma Poncio Pilato, lavan as súas mans e foxen ante a imposibilidade de emitir un veredicto. Debe ser o público o que resolva o dilema de Xen Te, ese mesmo dilema sobre o que se vén construíndo a orde social desde o inicio dos tempos. Antonio Labordeta cantaba que chegará un día en que todos, ao erguermos a vista, veremos unha terra de nome liberdade. Brecht confirma que nas circunstancias actuais ao mellor temos que escoller entre utopía ou barbarie. Velaí o soño do Presidente Allende, e o pesadelo de Milton Friedman. Así vai o mundo, con permiso de William Congreve.




E como cantaba Pete Seeger....