maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




martes, 22 de febrero de 2011

Epígonos de Bob Dylan

A néboa amarela

MV García

Faro da Cultura, Faro de Vigo

Na mellor tradición dos músicos e narradores ambulantes que percorrían os territorios da Unión en vagóns de mercancías, dando conta nos seus poemas musicados de historias de todos os días, Bob Dylan mantivo ao longo da súa traxectoria esa paixón pola historia que se vai enfiando nun rondó case interminable. Esa aposta pola vella tradición xa se deixa sentir na canción titulada A Hard Rain’s A-gonna Fall, incluída no álbum The Freewheelin’ Bob Dylan, editado en 1963. Trátase dunha cantiga complexa, na que asoman moitas historias, nun carrusel que se vai movendo de forma aleatoria.

Esa querenza de Dylan polas historias longas e complexas, con varias capas e liñas de fuga, non vai desaparecer mesmo despois da ruptura que supuxo o álbum titulado Bringing It All Back Home, editado en 1965 e co que principian aventuras musicais marcadas pola mestura de estilos. Ruptura que chegarían co Newport Folk Festival daquel mesmo ano, cando abandona o escenario ante os berros de desaprobación do público, e coa edición, tamén en 1965, do álbum Highway 61 Revisited, que se abría coa fascinante “Like a Rolling Stone”.

Esa pulsión narrativa de Dylan, volve agromar con forza en Desire, un álbum de 1976, con cantigas que recollían historias daquela recentes como as de Rubin Hurricane Carter, aquel rapazote ao que lle arruínan a vida simplemente por ser negro, ou a de Joey Gallo, un integrante da mafia con bo corazón. Tamén trae a balada titulada “Romance in Durango”, fermosa historia de amor e perdición onde se mesturan linguas e sobre todo instrumentos e estilos musicais. “Romance in Durango”, coma as anteriores, está escritas con esa mestura de narración, épica e lirismo, que sería necesaria para alentar unha boa película, quizais de Sam Peckinpah. Esa mesma forza narrativa e musical atopamos en “Black Diomond Bay”, unha cantiga na que ao mellor mesmo se poderían atopar ecos de Victory: an Island Tale, novela de Joseph Conrad, pero tamén seguramente de Under the Volcano, esa fermosa obra mestra de Malcom Lowry, onde a realidade nos chega a través do cristal improbable do mezcal. Na cantiga titulada “Black Diamond Bay” saberemos da historia dun fato de persoas que viven as últimas horas nunha illa na que estoura un volcán que enche todo de lava, néboa amarela e derradeiros desexos.

Velaí o punto de partida para esta peza titulada A néboa amarela, escrita por César Candelas e Rubén Ruibal, que, como eles dous recoñecen, non é máis do que unha dramatización das diversas historias que falan de vidas condenadas á destrución e ao naufraxio. Comentan igualmente que a peza forma parte dun proxecto no que quixeran poñer en forma dramática as múltiples historias que asoman nas diferentes cantigas, e que viría sendo como aquela idea do Dylan de facer unha cantiga con cada unha das visións que nos traslada A Hard Rain’s A-gonna Fall. Todo sexa pola música.

Unha peza escrita a dúas mans, maneira de facer que ten unha longa tradición na literatura dramática occidental, que colle pulo no renacemento teatral británico con autores coma John Webster, Thomas Dekker ou Ben Johnson. Ao longo da historia formáronse parellas que se fixeron célebres pola proxección e a calidade das achegas, como a integrada por Eugene Labiche e Marc Michel, autores tan queridos no xénero do vodevil, parella que se fai trío con Auguste Lefranc. Bo expoñente dunha maneira moi estendida de crear textos e espectáculos naqueles xéneros que máis se sitúan ao abeiro do teatro comercial, que en moitas ocasións destaca pola súa notable calidade. 


Parella notable foi a formada por Jorge Luís Borges e Adolfo Bioy Casares, dous dos mellores fabuladores que deu a historia da literatura universal, se tomamos a palabra “fabulador” en toda a súa amplitude e riqueza: fabular a fabulación. Ao mellor con esa maneira de fabular, de maquinar historias, foi como Andres Vila e Xosé Cid Cabido imaxinaron e escribiron, a dúas mans, Copenhague (Xerais, 1993) peza precursora do “evidencialismo” literario. Por veces os misterios hai que deixalos como están. Polo ben dos misterios, e da música.

No hay comentarios: