maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 20 de junio de 2010

Gramsci forever

Camarada Antonio Gramsci

MV García

Poucos intelectuais marxistas suscitan tal grao de admiración e respecto como Antonio Gramsci. Naceu en Sardeña, nunha familia humilde, e aos tres anos sofre unha aparatosa caída, un accidente fatal que o vai deixar eivado para toda a vida. Na escola primaria e secundaria obtén excelentes cualificacións, co que consegue unha beca para estudar na Universidade de Turín, na Facultade de Letras. Alí continúa a súa formación humanista e marxista, e inicia a súa militancia socialista, na compaña de destacados camaradas como Palmiro Togliati, entre outros, e continúa a súa actividade como xornalista que comezara en 1910 na súa Sardeña natal, onde obtén o carné profesional.

Contra 1913 comeza unha intensa actividade en xornais como Avanti ou Il Grido del Popolo, abordando as temáticas máis diversas, se ben o debate e a axitación política van estar entre as súas preferencias. En 1919 participa na posta en marcha da revista L’Ordine Nuovo, núcleo arredor do que se vai conformar un movemento que dará lugar en 1921, no Congreso de Livorno, ao Partido Comunista Italiano. Coa chegada ao poder, en 1922, de Benito Mussolini, un vello compañeiro de militancia, a vida de socialistas e comunistas comeza a ser moi difícil, e as cousas empeoran de forma progresiva ata que en 1926 os partidos políticos son declarados ilegais. Gramsci, que desde a creación do PCI viña mantendo unha notable actividade como deputado ou activista comunista, con viaxes por Europa e estadías en Moscova, vai entrar, desde ben cedo, no punto de mira dos fascistas, e, en novembro de 1927, é apresado e levado ao cárcere, do que xamais sairá. Once anos despois, un 27 de abril de 1937 morre na enfermería da Clínica Quisisana de Roma. O longo período de reclusión e as condicións da prisión agravaran considerablemente o seu estado de saúde, de seu bastante fráxil.

Entre 1929 e 1935, Gramsci ocupa boa parte do seu tempo de forzada reclusión escribindo unha manchea de traballos que hoxe coñecemos como Cuaderni del Carcere e que constan de 2.848 páxinas nas que aborda os temas máis diversos, desde a educación ata a literatura popular. Ademais, Gramsci vai elaborar un abano de interesantes propostas de análise da realidade social cultural e política a través de conceptos como hexemonía, clases subalternas, xuízo estético ou sociedade civil, e considerando as estratexias de dominación e de lexitimación desa mesma dominación, ou de rebelión a través da concienciación, da actividade contra-hexemónica, do compromiso dos intelectuais ou da cultura popular.

O seu foi un pensamento heterodoxo, que aborda a realidade cunha mirada plural, carente de todo dogmatismo, e, ao tempo, profundamente comprometida. Por iso os fascistas italianos puxeron todo o empeño en impedir a súa saída do cárcere, ao considerar que tiña unha mente prodixiosa e, polo tanto, sumamente perigosa. Hoxe aínda segue a ser un pensador pouco coñecido e valorado, ao que se mantén medio oculto, malia a pegada que a súa obra deixou en intelectuais moi destacados e ben diferentes como Raymond Williams, Paulo Freire, Edward Said ou Xoán González Millán, e a pesar das relacións que hai entre a súa lectura crítica do marxismo e a que realizan os integrantes da Escola de Frankfurt. A súa foi unha mirada activa e atenta, capaz de prestar a debida atención a todo tipo de manifestacións sociais e culturais, para entender o comportamento dos individuos e dos colectivos, para interpretar aqueles actos cos que mesmo non concordaba pero que reclamaban unha explicación. Similar importancia vai ter no seu pensamento a interacción entre teoría e praxe, como xeito de evitar a abstracción inútil e o impulso estéril.

Amais dos escritos do cárcere, Gramsci escribiu nos seus anos de mocidade moitos outros traballos que publica en xornais e revistas. Desa xeira proveñen os que agora nos ofrece Xesús González Gómez en dous volumes que teñen por título Escritos sobre Teatro e que recollen as recensións e críticas teatrais publicadas entre 1916 e 1920. O segundo tomo tamén contén un Apéndice que recolle outros traballos, sobre todo aquelas reflexións que sobre o teatro se inclúen nos cadernos escritos no cárcere. No primeiro tomo, temos unha interesante introdución de González Gómez, responsable tamén da tradución dos traballos e desta oportuna edición.

Gramsci e o teatro

Que interese pode ter a publicación dunha longa xeira de crónicas, notas, recensións e críticas sobre uns espectáculos que hai case un século que se presentaron nun país afastado de nós como Italia? No caso de Antonio Gramsci, moito, pois estamos ante un pensador único, tanto pola súa posición ética como pola dimensión intelectual, cultural ou política do seu legado.

Gramsci observa o teatro que se presenta nas salas de Turín e explica o que observa, e comparte co seu público a súa mirada aos textos, á escena, ao acontecer teatral, aos creadores, ao teatro como arte. Unha ollada que quere explicar aspectos substantivos do acontecido no teatro, e vinculalo co aquí e o agora do espectador. Tampouco non esquece comentar cuestións que mesmo hoxe teñen especial actualidade como a relativa ás industrias culturais e teatrais e á súa posibilidade. Na súa crítica vai utilizar conceptos similares aos que emprega Adorno.

Gramsci ofrece nestes traballos unha panorámica incompleta do teatro italiano daquel momento, revisando clásicos propios e alleos, como Alfieri ou Shakespeare, e considerando as achegas de autores novos como Luigi Pirandello, a quen valora moi positivamente, nun momento en que as achegas do autor de Seis personaxes..., se cuestionaban. Como acontece coas críticas de Kenneth Tynan ou de Eric Bentely, estas de Gramsci son unha regalía, e unha lectura case obrigada para quen queira exercer, cun certo oficio, a crítica teatral.

Gramsci, Antonio, Escritos sobre teatro I e II, A Coruña, Biblioteca Arquivo Francisco Pillado Mayor, Universidade da Coruña, 2008, 171 e 161 páxinas.

No hay comentarios: