maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




sábado, 1 de mayo de 2010

repertorio teatral

Sistema, repertorio e política teatral. Reflexións últimas

MF Vieites

Este artigo foi publicado na Revista Galega de Teatro, no número 61, no que se pode acceder á súa versión integra.

A palabra repertorio, se facemos caso do dicionario, fai referencia a un conxunto, catálogo, ou colección de elementos. Tradicionalmente, no campo do teatro fai referencia a un grupo de espectáculos que configuran unha oferta nun momento determinado, ou de obras que forman parte dun patrimonio, unha época... As connotacións do concepto dan lugar a interpretacións diferentes, que, en calquera caso, sempre van depender do lugar desde onde miramos o campo: a interpretación, a dirección escénica, a estética, a xestión cultural…, a filoloxía [Enter Itamar EZ]. No presente traballo queremos propoñer, desde a perspectiva da teoría teatral, unha aproximación moi sinxela ao concepto, e vinculalo co sistema teatral galego, coa situación actual e coas posibilidades de futuro. Propoñemos esta reflexión sen máis intención que destacar a importancia dun debate, como tantos outros, aínda por facer.

O Dictionnaire du Théâtre de Patrice Pavis, tan invocado en tantas ocasións, e tan útil por veces, de pouco serve na hora de falar de repertorio. Con todo, na súa consideración dos significados posibles do termo, apunta nunha dirección interesante ao falar do “repertorio do actor”, en tanto un actor poida ou non enfrontar un abano amplo de roles ou tipoloxías de personaxe. Queda claro, entón, que a palabra pode ter utilidade para medir ese abano de posibilidades dun determinado axente ou institución do sistema ou, como habemos ver, para saber das posibilidades que atesoura (as capas de cebola do pasado) ou das que ofrece (presente e futuro).

A historia do teatro pode levarnos a escenarios diferentes cando falamos de repertorio. A modo de exemplo, e por comezarmos polo máis obvio, temos as páxinas da obra de Agustín de Rojas, El viaje entretenido, que nos dan conta das compañías que viaxaban pola península e da oferta de espectáculos que levaban consigo, moitas veces no corpo e na mente dos actores e actrices, sen máis aditamento que a fame. No teatro isabelino, as compañías mantiñan unha oferta de cerca de 50 propostas diferentes, das que unha porcentaxe se renovaba cada ano. As compañías da comedia da arte italiana tamén mantiñan un catálogo de espectáculos, e Flaminio Scala publica en 1611 en Venecia un libro titulado Il teatro delle favole rappresentative, que contén unha especie de repertorio virtual para unha compañía imaxinaria, e que supón unha sorte de historia de vida a nivel persoal e colectivo. Falando de comedia e de Italia, tamén cómpre lembrar a traxectoria coñecida de Angelo Beolco (1502-1542), ao que dicían Ruzzante, ao ter creado un personaxe con tal nome e que se vai facer famoso en Venecia, Ferrara ou Padua, e noutras vilas do norte da actual Italia, co repertorio das aventuras e desventuras do tal home; unha traxectoria similar á de Cosme Pérez (1593-1672), famoso actor do teatro áureo de expresión castelá para quen se constrúe un repertorio similar ao amparo do personaxe de Juan Rana. Polos mesmos camiños de Europa transitan as compañías de ópera, logo das achegas de Claudio Monteverdi, que van conformar unha sorte de catálogo de libretos representables que se mantén a día de hoxe. Se nos acercamos á capital de Francia, vemos como en París, por volta de 1680 créase a coñecida como Comédie Française que ofrece espectáculos a partir de obras de Moliere, Racine, Corneille ou Scarron, mentres outras compañías, asociadas a outros espazos, traballaban con outros textos e espectáculos, entre elas as compañías italianas. Anos antes, Shakespeare, ou quen así asinaba, pon en boca de Hamlet a queixa pola competencia que sufrían as compañías profesionais, que traballaban no Theatre, no Globe ou no Swam, espazos escénicos públicos, por parte das compañías privadas, unha delas asentada no Blackfriars.

Temos, xa que logo que a historia do teatro nos mostra como a palabra repertorio se pode referir aos espazos escénicos, en tanto ofrezan unha determinada gama de espectáculos, ás compañías, en tanto teñan unha oferta e non outra, e aos actores, que, en función dos recursos e da súa traxectoria, poden ter un abano máis ou menos amplo ou limitado de personaxes representables. No caso da comedia da arte, pero tamén italiana (rusticana, vilanesca, all’improviso...), tamén debemos considerar o maior ou menor número de lazzi con que contaba un intérprete para poder participar adecuadamente no xogo escénico, similar igualmente aos personaxes que vai representar ao longo da súa vida, desde neno ata a vellez. Historias de vida escénica.

Na súa etimoloxía, do latín repertorium, e na súa xenealoxía, a palabra tamén nos pode levar a escenarios diferentes. En primeiro lugar faría referencia a un libro abreviado que contén un rexistro de cousas notables, dignas de seren incluídas, transmitidas e pasar á posteridade. É importante ter isto en conta, porque, en moitos casos, as compañías de repertorio nacen precisamente como marcos nos que recuperar textos ....

No hay comentarios: