maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 23 de mayo de 2010

O primeiro Ionescu

Crónica de MF Vieites publicada na Revista Galega de Teatro

Para os que amamos a literatura e tamén gozamos coa lectura de textos dramáticos, a edición deste volume, titulado en romanés, Sclipiri şi teatru, constitúe unha fonte de satisfacción enorme. Trátase dunha edición bilingüe, en romanés e castelán, dos traballos primeiros dun autor que en Belgrado asinaba como Eugen Ionescu, antes de que decidise utilizar aqueloutra lingua que tamén era lingua nai.

O volume contén materiais diversos. En primeiro lugar temos unha colección de relatos máis que breves, concibidos como apólogos, aforismos, rexoubas e lerias, e que se agrupan baixo a denominación de Destellos. Logo aparece unha obra dramática titulada Inglés sin profesor, comedia en un acto. Finalmente podemos ler un breve ensaio, “El trebol de cuatro hojas”, incluído nun volume de mocidade titulado Nu (Non), que xa implica unha declaración de principios dun mozo que asume unha posición irreverente e iconoclasta. Este libro chega da man de Mariano Martín Rodríguez, responsable da tradución e dunha introdución tan documentada como interesante que nos fala dos anos mozos e das actividades primeiras dun autor fundamental da dramaturxia contemporánea. Paga a pena destacar o traballo realizado por Mariano Martín pois ilumina moitas zonas escuras na traxectoria do dramaturgo.

O libro constitúe unha sorpresa de inicio a fin, e en todas as súas páxinas atopamos interesantes liñas de indagación para enfrontar a obra de Ionescu e a súa evolución, e para comprender a súa peripecia, desde as súas inquedanzas literarias ás súas posicións políticas. O traballo de Mariano Martín abre novas perspectivas, moitas delas apenas formuladas pero sabiamente situadas, como as referencias ás experiencias vangardistas que teñen lugar nesoutra Europa que chamamos do Leste e que durante moitos anos foi o centro neurálxico do pensamento e da creación artística. Non deixan de ter interese todas as novas que se nos ofrecen a respecto do balbordo creativo que se escoitaba en Bucarest e noutras cidades do Leste europeo porque se trata dunha tradición apenas coñecida pero que deixou achegas considerables.

Para as persoas máis vinculadas coa creación dramática e/ou teatral, o volume ten unha relevancia especial pois contén unha obra que se pode considerar como antecedente da coñecida como A cantante calva. Non sería correcto falar dunha primeira versión, pois que se trata dun texto escrito con outros parámetros, nos planos da expresión, dos contidos e da recepción. Inglés sin profesor pode considerarse un antecedente claro de A cantante calva, pero estamos antes dous textos diferentes, mesmo que o autor traducise ou reescribise determinados fragmentos e partes. A primeira hai que inserila na vaga de indagacións e experimentacións de vangarda que comezan cos futuristas e continúan cos dadaístas. Na presentación, Mariano Martín explica a importancia de autores e creadores como Urmuz (pseudónimo de Demetru Dem. Demetrescu-Buzău) ou Tristan Tzara, que son dous entre os moitos expoñentes da considerable vitalidade da literatura e das artes romanesas no primeiro cuartel do século vinte. A obra do primeiro é tan inquitante como descoñecida.

Consta esta primeira obra conservada de Ionescu, autor aínda de expresión romanesa, de catro escenas, se ben a cuarta contén unha sorte de epílogo que nos fai lembrar a maneira en que adoitaban rematar as veladas dos futuristas italianos, pero que tamén se vincularía cun traballo titulado “Contra teatrului” (“Contra o teatro”), no que Eugen nega calquera posibilidade de aceptar os parámetros da creación dramática e teatral do seu tempo. E utilizamos o condicional porque ese artigo non se inclúe na selección de textos do volume. Con todo, o editor recolle unha importante bibliografía en romanés que pode ter utilidade para as persoas que queiran afondar no coñecemento desa etapa do autor romanés cando mozo. Nesta primeira obra producese todo un asalto á carpintería dramática, de xeito que o resultado final sexa tan desconcertante como previsibles eran as pezas que trunfaban nos teatros de Bucarest. A destacar os xogos coa linguaxe, a visión paródica dos vinculos de comunicación ou as contradicións en que nos sitúan os elementos de significación. Como se dixo, ten especial interese a escena coa que se pon fin á acción dramática (e á teatral), e que resulta moi diferente da que se propón en A cantante calva, que remite a un tempo circular, a un retorno permanente.

Por interesantes que poidan resultar as lecturas comparatistas entre os dous textos, no plano dos estudos literarios, os espectáculos resultantes de cada un dos textos deberían ser, atendendo á súa dramaticidade, diferentes, porque aínda que as actitudes do seu creador sexan moi semellantes, as esencias non sempre son as memas, nin teñen a mesma dirección ou función. Inglés sin profesor sitúase no territorio da creación vangardista, cunha dimensión máis lúdica, en tanto A cantante calva se sitúa no espazo dunha dramática da desolación e do paradoxo, cunha dimensión máis nihilista.

IONESCO, Eugene (2008): Destellos y teatro, Madrid, Espiral Fundamentos, 301 páxinas.

No hay comentarios: