maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 21 de mayo de 2010

crítica, para qué?

Vimos de ver un espectáculo que nos entristece profundamente, por razóns moi diversas. Qué dicir? Para qué falar ou escribir? É que os seus autores non se decatan da dimensión da desfeita?

Dígolle a María que escriba algo e retrúcame con esta crónica publicada en Faro da Cultura que non ten desperdicio, falando doutra desfeita.


Funcións e responsabilidade da crítica
Boas noites, de Paula Carballeira
MV García

¿Qué facer, cando un libro non gusta? Normalmente, abonda con deixalo. Aí acaba o asunto. O problema aparece cando, ademais, hai que valorar o que se leu. Pero tamén cabe calar. Renunciar a escribir a recensión solicitada. Esa sería a mellor solución, a máis adecuada, no que se entende como politicamente correcto. Esa decisión non provoca reaccións negativas ou iradas, pero os seus efectos son nefastos ao crear unha visión incompleta do campo. Como norma, as críticas non son ben recibidas; menos nun país onde a lingua se segue utilizando como parapeto. Pero con ladaíñas laudatorias as nosas letras nunca darán o chanzo máis necesario: profesionalizar a escrita. Ese chanzo tampouco non se vai lograr se calamos diante dos textos discutibles, nin coas crónicas amables que lemos con frecuencia.

Esa debera ser a primeira responsabilidade da crítica: o rigor; e posuír a mesma profesionalidade que se lle esixe ás obras obxecto de análise e valoración. Pero a crítica debería cumprir outras funcións. Entre elas, a de suscitar debates sobre a propia escrita. Aquí hai moito sobre o que falar, sobre todo á vista dos títulos que enchen os andeis de novidades nas librerías, e ao descenso na masa forestal do planeta. Para alentar o debate, a crítica debe ser clara, precisa e directa, pois ás veces os usos estilísticos agochan aquelo que non se quere trasladar pero que tampouco non se quere deixar de insinuar. Por ende, a crítica debe actuar con moita seriedade, a mesma que deben mostrar as persoas que se poidan ver afectadas por ela, en especial editores, responsables de coleccións, autoras e autores.

¿Que dicir entón dun texto como Boas Noites, escrito por Paula Carballeira e publicado por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega? ¿Que dicir cando se nos informa que ese texto foi merecente do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil no ano 2006? Trátase dun Premio convocado polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, coa correspondente dotación económica. Estamos ante un Premio importante, que debería requirir un certo nivel de esixencia na súa concesión.

Boas noites parte dun esquema argumental que reproduce un conflito real, pero que, comunmente, se trata de maneira demasiado tópica, con clixés moi similares. Confróntanse os desexos dos nenos de xogar e a vontade de pais e nais de ocuparlles o tempo con estudo e outras actividades. O tempo vivido fronte ao tempo roubado, en aras dun futuro incerto. A intervención de seres imaxinarios acaba por resolver o problema. Cada escena está concibida a partir do confronto de valores e da irrupción do imaxinario. As conversas entre os personaxes están recreadas nun rexistro en exceso infantil, e os personaxes están concibidos a través de antinomías moi manidas. Obvian que a realidade é máis complexa do que aparenta, algo que os picariños xa saben, como ben mostra esa súa actitude interrogante que tanto sorprende. Cabo de Xiana, a nena que quere xogar, temos a Pedro Chosco o gardián do sono, e dous representantes dos medos que o escorrentan: un Monstro e á Muller do Saco. Pero o medo de Xiana non ten natureza imaxinaria; deriva da configuración diaria da súa vida. Tras varias peripecias, conseguen que o pai e a nai de Xiana renuncien ás súas pretensións de que a nena faga moitas cousas, e tamén os dous se poñen a xogar. O conflito non se resolve a partir da súa análise, dos antecedentes e das consecuencias, senón por arte de maxia, como adoita acontecer nos libros de literatura infantil.

¿Pode un texto con estas características gañar un Premio de literatura dramática infantil? Sinceramente non. Esta afirmación parte dunha lectura atenta na que atopamos pobreza na lingua empregada, simplismo na presentación, desenvolvemento e resolución do conflito, linearidade extrema na trama, personaxes esquemáticos e sen perspectiva ou espectacularidade baseada na aparición de seres fantásticos. É probable que entre os concorrentes non houbese moito onde escoller, pero en casos así sempre cabe declarar o Premio deserto, un aviso oportuno para navegantes. O prestixio dun Premio radica nas dificultades para conseguilo. E co prestixio dos premios tamén vai o prestixio da literatura, e o da lingua.

Sempre se dixo que o teatro é alimento para o espírito pero, como en todo, tamén aquí hai gustos; infelizmente máis fobias que filias. Na educación do gusto teatral as primeiras experiencias tamén son determinantes, para ben e para mal. No campo teatral galego, onde quedan moito camiño por andar, o teatro infantil é un sector especialmente estratéxico, que se debe asentar en textos literarios que poñan en valor os procesos de recepción, que configuren un espectador activo, intelixente e crítico.

Como en todo, tamén aquí hai trucos e brinquedos. Entre eles destacan os rituais da participación e os abusos dos efectos especiais. Así é como se constrúen a maioría dos espectáculos para a nenez: con preguntas e respostas, con cantigas colectivas, con xogos de maxia escénica ou coa irrupción dun marabilloso abraiante. E pouco máis. As historias son febles, os temas manidos e a dimensión didáctica abusiva. Neses casos, o teatro non ofrece nada diferente do que na actualidade se pode atopar en xogos con soporte electrónico. E o teatro debe deslindar o seu territorio, marcar a diferenza, establecer con claridade e defender con criterio o que ningún outro medio pode ofrecer.

Estamos ante unha empresa complexa; chea de dificultades, pero necesaria. Máis que iso, urxente. Hai que potenciar a formación, a indagación, o risco. O teatro infantil debería ser obxecto de programas de investigación, desenvolvemento e innovación, coa participación de institucións, entidades e das compañías escénicas. Estas deben ser os eixes dos programas vinculados con: análise das estratexias de percepción e de recepción, estudo da construción do significado, traballos de campo para contactar cos públicos, indagación nas teorías do gusto e do pracer estético, aplicacións da psicoloxía evolutiva e da psicoloxía cognitiva. Serían programas asentados nunha procura científica, mais cun carácter decididamente aplicado á creación teatral, ao traballo diario das compañías. E a Escola de Teatro de Galicia, así debería denominarse a actual ESAD, non pode eludir ese reto.

No hay comentarios: