maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




lunes, 31 de mayo de 2010

crítica e teatro

Falamos dese Curso de Verán que vai ter lugar en Almagro, coordinado por Alberto Fernández Torres e no que se vai falar da maneira en que os programadores poder realizar unha análise crítica dos espectáculos que se consideren susceptibles de programar. Iso implica que o programador vai actuar como crítico? Se así for, que non debería ser, tería que considerar bastantes cousas.

Velaquí un traballo publicado en 2001 na Revista Galega de Teatro que supón unha serie de consideracións verbo das maneiras de facer crítica e de facela con espírito crítico, algo verdadeiramente difícil.

[Ùnha parte deste traballo foi deglutido por algunha persoa que se limitou a copialo sen sequera citar a fonte. Cousas que ocorren. Por iso tamén está ben que se saiba como se vai facendo cada quen a súa propia historia...]

O escriba exipcio sentado mira para o público, a súa face non é coñecida nin importa. En teatro o que importa é o teatro.

A crítica teatral en Galicia. O azar, a precariedade e a necesidade.

MF Vieites

En outubro de 2000 o profesor Luciano Rodríguez convidoume a participar nun ciclo de conferencias que sobre literatura que todos os anos organiza na Universidade da Coruña, onde traballa. Dado que o tema do meu relatorio era a crítica teatral decidín centrar a miña intervención na análise daqueles aspectos que mellor definen o exercicio da crítica de espectáculos. A proposta chegaba ademais dous anos despois de que decidise suspender as miñas colaboracións como crítico teatral, polo que aquela invitación constituía unha excelente oportunidade para tentar enfiar algunhas das reflexións que sobre a miña propia práctica estivera a facer, de forma case involuntaria, durante aqueles dous anos de inactividade, mais considerando aspectos salientables do importante corpus que a crítica teatral galega veu xerando nos últimos vinte anos e outros aspectos teóricos e metodolóxicos que se poden derivar dos escritos de autores tan importantes como Kenneth Tynan ou Eric Bentley. Este artigo non é pois máis do que un resumo daquela conferencia, e antes de peneirar a fariña non quero deixar de agradecer a Luciano Rodríguez a súa amable invitación que, en boa medida, me obrigou a enfrontar dunha forma máis sistemática teimas vellas e recorrentes.

Vista a situación actual do teatro galego, que manifesta tantas carencias como problemáticas, cando falamos de crítica xorden preguntas pouco menos que inevitables: ¿A quen lle interesa a crítica? ¿Paga a pena seguir escribindo crítica? ¿Para quen? ¿Para que? Sen embargo, tamén entendo que poucas veces se fai fincapé no como, o que nos levaría a analizar os paradigmas desde os que se está realizando a crítica teatral e valorar se non se fai necesaria unha fonda reflexión respecto dos obxectivos, funcións, metodoloxías e contidos da crítica. Pois se a crítica quere ter algún sentido tamén lle cómpre un cambio de paradigma, o mesmo que se reclama para o teatro cando diversas voces destacan que estamos ó remate dun ciclo.

Entendendo pois que a crítica teatral é necesaria, como parte substancial do sistema teatral, quixera expoñer e comentar unha serie de cuestións que por básicas son previas a calquera reflexión sistemática. Non vou facer, en consecuencia, un reconto diacrónico dos espacios onde se realizou a crítica teatral en Galicia entre 1975 e 1999, nin falar dos críticos e críticas que se publicaron neses medios, nin analizar os temas máis importantes que se trataron ou facer un repaso dos espectáculos máis salientables neste período. Esa é outra conferencia, que supón outro traballo de indagación, de documentación e de interpretación. Eu propoño unha reflexión teórica moi breve, nacida dunha experiencia propia que se prolongou por máis de cinco anos, pero tamén dun traballo de documentación co que pretendo establecer un corpus significativo de discursos críticos, desde unha perspectiva cualitativa. Reflexión breve que se debe entender como unha introducción mínima a un traballo máis extenso que estamos a preparar.

Partimos do feito de que a crítica é a emisión dun xuízo. Un xuízo que para ver cumprida a súa función ten que ser recibido polos seus destinatarios potenciais. Se a mensaxe non chega ó seu receptor, podemos falar de problemas de emisión ou de recepción, de ruídos e interferencias no proceso comunicativo, o que nos levaría a analizar as deficiencias do propio sistema teatral. A crítica é un dos elementos fundamentais dese sistema, dese campo de creación e difusión cultural, pois tamén a través da crítica o espectáculo pode manter ou amplificar a súa presencia na esfera pública, ou cando menos eso ocorría naquela altura en que a esfera pública aínda constituía un espacio para o debate, a reflexión, o intercambio de ideas ou a loita política, tamén para constituír tempos e espacios públicos alternativos ós dominantes, discursos que aspiraban a cuestionar a hexemonía. Nese sentido, a crítica chegou a ser unha verdadeira institución teatral, como acontecía en Inglaterra, en Francia ou na España do primeiro tercio do século XX.

Sen embargo a medida que analizamos a situación do sistema teatral galego, a súa estructura, é fácil documentar as moitas eivas que presenta. Trátase dun edificio en obras que aínda carece de tellado e que presenta graves problemas nos seus cementos e como iremos vendo, a situación da crítica en Galicia é un reflexo fiel da situación do teatro. Sempre o foi, precisamente polas interdependencias sistémicas de que falabamos. Por iso temos que falar de azares, de moitas precariedades e, como non, da necesidade da crítica e das necesidades da crítica e dos críticos.

1. Tipoloxías. Basicamente o exercicio crítico que se vén realizando e que aínda se realiza en Galicia está directamente vinculado a medios de comunicación diarios como La Voz de Galicia, La Región, Faro de Vigo, El Ideal Gallego, El Correo Gallego ou a semanarios e revistas tal que A Nosa Terra, Tempos Novos. Tampouco podemos esquecer o importante labor desenvolvido en medios de ámbito estatal como El Público, Escena e Primer Acto, ou en revistas especializadas de ámbito galego como Don Saturio ou Revista Galega de Teatro. No interesante corpus conformado pola suma dos traballos publicados nesas cabeceiras atopamos as tipoloxías básicas da crítica teatral, que serían:

* A reseña informativa, realizada antes ou despois da función e na que se informa de aspectos que se consideran importantes no espectáculo, desde quen é o autor do texto ata o argumento do mesmo. Normalmente este tipo de traballos é realizado por periodistas especializados no eido cultural mais sen un coñecemento especializado do feito teatral, polo que na maioría dos casos se parte do sentido común e de criterios básicos como gustou/non gustou.

* A crítica diaria, normalmente realizada por un crítico que ora pertence á redacción do xornal, semanario ou revista, ora colabora habitualmente co mesmo. Esta tipoloxía de crítica, que acostuma ser breve e presenta unha considerable multiplicidade de rexistros, é fundamental en tanto contribúe a xerar expectativas entre o público hipotético, que en sistemas teatrais normalizados acostuma consultar a crítica dun espectáculo antes de tomar a decisión de asistir ou non. Por iso se trata dunha crítica sumamente complexa e complicada, pois non sempre a opinión do crítico coincide, ou ten porque coincidir coa dos espectadores posibles.

* A crítica especializada propia de revistas especializadas, aínda que a podemos atopar en xornais e semanarios (A Nosa Terra, por exemplo), e que destaca por ter unha maior extensión e por non afectar de forma directa a recepción do espectáculo.

* O ensaio crítico, de maior extensión, no que se realiza un estudio exhaustivo sobre unespectáculo ou no que un espectáculo sirve de leitmotiv para realizar unha longa reflexión sobre aspectos concretos do feito teatral.

2. Funcións. Tamén ten particular importancia determinar cales son as funcións da crítica, pois a miúdo semella que os propios críticos non teñen demasiada conciencia de cal é o seu rol, razón pola que aparecen múltiples disfuncións, entre elas a que provoca unha considerable visibilidade do crítico (ou da crítica) que acostuma ser moito maior que a do espectáculo, por moito que sexa este o obxecto real do comentario e da análise. Esa visibilidade é un dos aspectos máis rechamantes e ofrece un interesante campo de estudio pola súa riqueza e diversidade. Por dicilo en poucas palabras, a crítica pode ter tres funcións básicas: orientar e intermediar, valorar e, finalmente, sinalar pautas, funcións que moitas veces aparecen mesturadas e outras non aparecen.

A primeira das funcións, orientar e intermediar, é quizais unha das máis importantes en tanto que o crítico pode e debe orientar a acción dos posibles espectadores, mais entendendo que a súa finalidade non é inhibir a asistencia dos espectadores senón potenciala, mesmo no caso daqueles espectáculos que para el carecen dunha dimensión cualitativa mínima, pois pode ocorrer que aquelo que provoca o seu desgusto levante entusiasmo entre os espectadores e velaí temos Torrente II, o “bodrio infumable” do casposo e insoportable Segura como exemplo paradigmático. Mais mesmo así a intermediación debe ser sempre positiva, pois da mesma maneira que nin todas as novelas que se publican nin todas as películas que se exhiben conseguen acadar a excelencia literaria ou cinematográfica que establece un determinado canon, tampouco todos os espectáculos son excelentes. Instalar os espectadores nunha normalidade receptora capaz de admitir espectáculos bos e malos, sen deixar de ir ó teatro, é unha das responsabilidades dunha crítica seria e responsable. Nese sentido a crítica debe sempre sumar espectadores, xamais restar.

A función valorativa é quizais a máis difícil por moi diversas razóns que van da maneira en que ese xuízo se formula e se emite á forma en que ese xuízo se recibe. Os críticos, malia seren integrantes fundamentais do sistema, non teñen aínda un espacio propio, nin nos medios de comunicación nin na comunidade teatral, pois a crítica aínda non se institucionalizou pero tampouco adquiriu o prestixio social e artístico necesario para que o seu traballo se entenda e comprenda. Mais tamén é certo que en ocasións a crítica e os críticos tampouco acertaron a crear un discurso que contribuíse á institucionalización do seu rol. Nese sentido, hai cuestións importantes que convén non perder de vista, tales como:

1. Ningún espectáculo é malo ou bo a priori. Hai que velos sen apriorismos e ser coidadosos nos xuízos.

2. A segunda función sempre matiza a primeira, por iso cómpre ver dúas funcións mellor que unha.

3. En todo espectáculo hai cousas boas e malas. Non podemos mirar as malas e esquecer as boas.

4. Imos ver un espectáculo, non a ilustración dun texto. O espectáculo ten entidade en si mesmo.

5. O crítico non é mellor, nin sabe máis, canto máis negativas resulten as súas reseñas.

6. O labor do crítico non é acabar co teatro nin exercer de comisario teatral. O teatro non é o inimigo público número un.

7. Hai mais teatros e non todos poden estar nun espectáculo concreto.

8. Os mesmos vicios da escena poden ser detectados no exercicio critico, por iso cómpre ter coidado coas pedras.

9. Hai que xulgar o que se ve, non o que se podería ver, ou o que nos gustaría ver.

10. O crítico ten que comprometerse co teatro, a favor do teatro, nas súas críticas.

11. Aínda que as circunstancias de cada quen deben ser un elemento a ter en conta, debemos tratar por igual todos os espectáculos. Así, en 1998 houbo alomenos dous “espectáculos oficiais” realizados en Galicia que tomaron como pretexto literario unha obra de Valle-Inclán, en castelán, sen traducir. Sen embargo todas as críticas foron para o CDG e o seu director. Houbo quen se librou..., ¿ma perché?

12. A critica non se debe entender como simple comentario de anécdotas, aínda que hai rexistros estilísticos que poden facer das anécdotas o miolo do desenvolvemento do xuízo.

13. Non é bo que a crítica se entenda como exercicio literario, pois máis alá dos rexistros estilísticos e dos tropos, debe estar o espectáculo, verdadeiro eixe do labor crítico.

14. O crítico e a crítica deberían ter pouca visibilidade, para que o espectáculo sexa o verdadeiro epicentro da escrita.

15. A crítica non debe caer nas adhesións persoais e nas amizades explícitas ou encubertas, pois eso pode conducir a un “compadreo” dificilmente explicable e sumamente prexudicial para o teatro.

...

No hay comentarios: