maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




martes, 4 de mayo de 2010

Bárbaras comedias bárbaras

Sobre a obra dramática de Francisco Taxes

MV García

Crónica publicada en Faro da Cultura

Francisco Taxes sempre habitou nas marxes da literatura galega. Mesmo cando Troula iniciaba una das poucas xeiras triunfais do teatro galego, co espectáculo O velorio, Taxes permanecía nun segundo plano, quizais porque a súa acracia fose verdadeira e non unha pose. Os que o coñeceron e trataron din que era boa xente, e lendo as súas pezas deducimos que tamén debía ser festeiro e xovial. A súa obra tivo pouca fortuna no plano editorial pois só un dos seus textos se publicou sen a distancia enorme que por veces media entre creación e edición. Lenta raigame saíu do prelo en 1982, tres anos despois de que Eduardo Alonso dirixise un espectáculo homónimo co que facía a súa presentación en Galicia o grupo Andrómena. Velaí unha das razóns de que a súa presenza nos manuais de literatura fose sempre escasa, fuxidía.

Hoxe podemos, por fin, achegarnos á súa obra, logo de que Edicións Xerais de Galicia decidise agrupala toda ela nun volume editado por Xurxo Taxes Díaz, un dos seus fillos; e quen mellor que un fillo para falar dun pai, para o bo e para o malo. Neste caso, para o bo, porque iso merece o dramaturgo de Cereixo, pois a ese lugar pertence a súa fala, requintada e poderosa, por moito que nacese na Coruña. Mais, a verdade, esa relación en nada interfire o propósito do traballo, e a presentación ofrece un grao de obxectividade e rigor certamente encomiable, amais de ser bastante clarificadora para entendermos a traxectoria vital dunha persoa que, polo que del contan os seus amigos, e tiña moitos, era un dos bos e xenerosos de verdade. Unha persoa que participou, con el e con Pedro Martínez Leandro, nunha aventura teatral que decorreu en Sada, A Coruña, a finais dos setenta, conta que era humilde de máis, moi ocorrente e cunha querencia especial pola creación disparatada, como se pode comprobar nestes textos.

Son cinco obras en total, de feitura variada. Algunhas forman parte da historia do noso teatro, como O velorio, Lenta raigame ou Caderno de Bitácora, e outras están aínda por descubrir, como acontece con Elas, peza singular na que o autor nos presenta un desordenado tranche de vie, sen outro tratamento aparente que o simple traslado da vida ao folio. Con todo, na obra de Taxes habería dúas liñas básicas de traballo. Dunha banda estarían as comedias bárbaras e as bárbaras traxedias do rural, nas que recrea mundos similares aos que recolleu Ramón María del Valle Inclán, pois os dramas humanos provocados polas relacións de submisión das xentes que se vivían nas rías baixas non eran moi desemellantes aos que acontecían na Costa da Morte. Da outra, estarían as comedias urbanas, como Casta e Albito, Caderno de Bitácora ou Elas, sempre cunha dimensión surrealista e felizmente disparatada, pezas que non son alleas a unha visión irónica e sarcástica da vida.

Non parece que Taxes fose un autor especialmente interesado en cuestións estilísticas, e tal vez por iso os diálogos teñen unha viveza especial, e moito enxeño. Tamén posúen unha dimensión real, que fai que na lectura se poidan visualizar de inmediato situacións e personaxes. Nesa dirección, conectan moi ben con lectoras e lectores. Moitos dos fragmentos cos que se enfían os diálogos destas comedias urbanas, ben puideron ter abrollado entre o balbordo que iluminaba o Café Cantón da Coruña, onde se di que era doado atopar a Taxes a principios dos anos setenta. Tamén nas pezas de cerna rural, como reflicte O Velorio, Taxes mostra a súa capacidade para fotografar a fala dos seus veciños das terras de Soneira e da Costa da Morte. Ese meu amigo, que xogaba ao teatro con Taxes no inverno de 1977 aló en Sada, contoume que tiña unha considerable capacidade para imaxinar situacións explosivas no plano dramático. Eso é o que acontece, por exemplo, no Velorio, un bárbaro esperpento sobre a vida e a morte, que curiosamente tamén empata, na súa dimensión máis política, que a ten, coa corrente agrarista e anarquista que prendeu a principios do século XX nas terras de Bergantiños e que tan ben defendeu Xesús San Luís Romero en O Fidalgo. Para Taxes aquel lema de a terra para quen a traballa xamais deixou de ter sentido.

Lenta raigame

Linlle a Camilo Franco unha crónica na que destacaba esta obra. Tiña razón de sobra. Sobre todo porque é unha obra complexa, na que se superpoñen dous planos: o individual e o colectivo. O drama do rural, e os que se viven unha sociedade pechada, onde as relacións entre os seres humanos obedecen a impulsos e a instintos, e se establecen en base ao poder é ao uso da forza. Así o mostraron dramaturgos notables como Valle Inclán ou John Millington Synge. Tamén Taxes opera nesa mesma visión da Galicia ancestral.

Lenta raigame recrea un drama próximo, cal é o dunha familia que debe abandonar a súa casa de sempre, por mor dun auto da xustiza que esixe o desaloxo. A terra e as pedras gardan a memoria das xentes que as habitaron, mesmo semella como se as súas palabras máis queridas seguisen alí, como nun palimpsesto que vai medrando ata construír todo un mundo poboado de xentes que foron e que son. E ao dicir “pedra seixa” moitas persoas lembran, e poden reconstruír o seu mundo, un mundo que ao mellor xa non é, que xa se foi. Tamén nos trae á lembranza o problema de tantos e tantos caseiros como en Galicia houbo e que remataron eslombados e sen futuro algún, pobres de pedir logo de facer produtivas as terras dos señores da terra, moitas veces os mesmos fidalgos que tanto admiraba o galeguismo histórico, e pondera o actual.

Pero Taxes non esquece eso que algún critico define como escala de grises, contrapoñendo á antinomía evidente entre os poderosos e os sometidos, un outro conflito que tamén se vincula co uso e co abuso do poder e da forza, e que se converte nunha denuncia irreprochable do dominio masculino, que non coñece diferenzas de clase, como nos mostran tantos e tantos progresistas e militantes radicais que visitan Cuba e outros países do terceiro mundo na procura dun pracer pagado e roubado a criaturas desvalidas e inocentes. Todos os homes poden chegar a ser Fuco

No hay comentarios: