maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




lunes, 3 de mayo de 2010

As historias da nación galega

Daniel Cortezón na lembranza

MF Vieites

Publicado en Faro da Cultura

Sabido é que as todas as nacións que no mundo foron, son e serán, constrúense a si propias a través de relatos e narracións de moi diversa índole. En Mesopotamia naceron eses primeiros discursos que contiñan cosmogonías nas que os seres humanos explicaban a razón da súa existencia e as relacións que mantiñan con outros seres e forzas ocultas e descoñecidas, fonte de misterio e obxecto de adoración. Velaí o espléndido Enûma Elish, un poema babilónico compilado en táboas de arxila contra mediados do século VII antes da nosa era.

Máis recentemente asistimos á recollida, recuperación e posta en valor de relatos e narracións semellantes na súa cerna e funcións. En Irlanda podemos considerar o traballo realizado por dramaturgos como Douglas Hyde ou William Butler Yeats, que contribuíron de forma notable a divulgar unha cultura milenaria como a gaélica e que conformou poemas épicos dun valor similar ao que poidan ter os que nos legou a antiga Grecia. Velaí temos ciclos como os do Úlster ou o dos Fenian, que nos traen á memoria heroes inmorredoiros como Cúchulain, Deirdre ou Fionn. Qué dicir do Lebor Gabála Érenn que nos fala de Breogán o rei de Brigantia que un día imaxinou ver unha illa verde no medio do mar. Este mito foi recollido polos primeiros historiadores galegos dado lugar a unha nova lectura da nosa historia.

Coa invasión inglesa, e coa posterior abrasión social de Oliver Cromwell, a cultura gaélica foi destruída, perseguida e deturpada e os poetas botáronse aos camiños, mantendo viva coa súa palabra, agora prohibida, aquela tradición milenaria, mentres nalgúns mosteiros se salvaban da queima ou da depredación voraz dos anglosaxóns todo un mundo de documentos cun valor artístico e histórico enorme. Recentemente Michael Slavin publicou un interesante estudo verbo dalgúns deses materiais: The Ancient Books of Ireland. Cabe imaxinar o que se perdeu, que foi moito.

Ese mesmo proceso de recuperación e reconstrución dunha historia negada e mesmo ocultada, ten lugar noutros moitos países, desde os Estados Unidos de América ata España. Inman Fox explicaba nun traballo ben iluminador, La Invención de España, como eses procesos tamén se dan en reinos ou estados constituídos, cando determinados acontecementos poñen en perigo ou ameazan a súa continuidade. Por ese camiño vai una parte da obra de Eduardo Marquina, poeta nacional.

En Galicia contamos con dramaturgos diversos que desde finais do século XIX se ocuparon do proceso de restitución da historia da nación galega. Desde Emilio Álvarez Jiménez a Ramón Cabanillas, xa antes do inicio da ditadura franquista, se producen diversas propostas para dar a coñecer una visión diferente da nosa historia e, por ende, da nosa cultura e da nosa lingua. Con todo, vai ser Daniel Cortezón quen asuma a tarefa de darlle continuidade a aquelas tentativas, unas apaixonadas como a que promove Antón Villar Ponte con Cabanillas a través de O Mariscal e outras máis tímidas como que debemos a Armando Cotarelo na súa recreación da figura de Prisciliano en Hostia.

Cortezón, sen embargo, mostra unha nova maneira de considerar a materia dramática, que nalgún momento temos destacado por partir da escala de grises, de xeito que a reconstrución da historia non se fai a través de antinomías románticas senón a través de procedementos dialécticos para mostrar as contradicións do real histórico. Nesa liña, Cortezón segue os traballos de creadores ben coñecidos como Erwin Piscator ou Bertolt Brecht e doutros autores máis ignorados pero igualmente transcendentais como Luís Seoane, autor daquela magnífica peza titulada A soldadeira.

En boa medida, Daniel Cortezón vai desempeñar en Galicia, malia que aposte por una estética moi diferente, o rol que desempeñou en Irlanda o citado Wiliam Butler Yeats, mais apostando por unha mirada crítica e plural, de xeito que a historia non só fose fonte de orgullo senón motivo de reflexión. Hai anos o profesor Ramón Maíz Suárez publicaba un libro, A idea de nación, ben interesante para analizar eses procesos de construción e reconstrución do capital histórico e simbólico ao que Daniel dedicou toda unha vida. Por iso, o amigo Daniel sempre estará con nós, aquí, en Galicia.

Amais de poeta dramático, vai ser autor de novelas ben coñecidas como As covas do Rei Cintolo ou A vila sulagada, texto este último co que gaña o Premio Blanco Amor de Novela na súa primeira edición de 1981. Nesas dúas obras xa temos claves para entender a súa posición ética e vital: a recuperación e posta en valor da tradición e unha lectura crítica e dialéctica do real. Pero tamén deu ao prelo un magnífico traballo titulado Teatro e nacionalismo no que dá conta dos moitos atrancos, prohibicións e excepcións que tivo que sufrir a lingua galega para ser lingua de creación e comunicación na escena e na esfera pública. Nos últimos anos dedicou unha parte importante dos seus esforzos a recrear a peripecia de Daniel Castelao na serie dramática Castelao ou A Paixón de Galiza.

Como dramaturgo cabe destacar a súa primeira xeira histórica, con textos fundamentais tal que Nicolás Flamel, Prisciliano, A Diáspora, Os Irmandiños ou Pedro Madruga, que destacan pola súa sólida construción dramática e por esa visión plural tan necesaria nunha obra de ambición coral, na que as comunidades se reflicten como axentes de transformacións posibles e necesarias. Quizais un dos momentos máis importantes na súa traxectoria chegase en 1999 cando o Centro Dramático Galego, da man de Manuel Guede, e coa dirección de Roberto Vidal Bolaño, estreaba o espectáculo Xelmírez ou a gloria de Compostela na Igrexa da Compañía, magnífico marco para un espectáculo igualmente marabilloso que mostrou que os mundos de Daniel, os mundos da nosa historia, teñen un lugar na escena, precisan dun espazo onde os contemplar.

No hay comentarios: