maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




viernes, 28 de mayo de 2010

álvaro das casas

Operación Álvaro de las Casas

Un dramaturgo de relevo

MF. Vieites

En 1934 Johan Carballeira publicaba en El Pueblo Gallego un artigo arredor da situación do teatro galego no que reflectía con claridade as tensións propias dun sistema literario en construcción que no caso da literatura dramática presentaba unha permanente pugna entre a instrumentalización da creación, en tanto recurso no labor de galeguización, e a autonomía artística. Comezaba daquela o debate arredor das posibilidades duna literatura nacional e non nacionalista, por lembrar unha acertada distinción de Xoán González Millán.

Esa tensión aparece na obra de diferentes autores que conforman o Movemento Dramático Nacional que se inicia coa presentación do espectáculo A man de Santiña, con texto de Ramón Cabanillas e dirección de Fernando Osorio Docampo, onde a vontade de crear unha comedia fidalga de remate ledo mestúrase coa pulsión didáctica provocada pola apaixonada defensa da terra ou a crítica directa ó caciquismo e ós amaños electorais. Mesmo Xaime Quintanilla, autor da peza máis rupturista daquel período, a titulada Alén, non renunciou a esa pulsión testemuñal como mostra a súa obra Donosiña. Tampouco o fixo Rafael Dieste, que cabo de A fiestra valdeira, publicou O drama do cabalo de axedrez.

Mais o autor que mellor mostra esa tensión é Álvaro de las Casas, cunha obra dramática que quizais sexa hora de recuperar. E máis neste momento en que diversos colectivos e institucións están organizando actos e xornadas coa finalidade de estudiar a súa traxectoria e divulgar a súa obra literaria ou a súa figura, tan transcendental no desenvolvemento do nacionalismo e das tendencias arredistas.

Como autor dramático publicou textos de moi diversa factura desde o que titulou Sabel (1934), no que recrea unha estampa histórica cunha tonalidade saudosista e simbólica, ata Mitin (1936), reflexión irónica e lúcida sobre os hábitos electorais da cidadanía do país e das posibilidades de cambiar tendencias, que hoxe tería moita actualidade. Hai que destacar o drama A morte de Lord Staüler (1929), que tamén presenta unha deriva saudosista, Pancho de Rábade (1930), aceda reflexión sobre a emigración, ou pezas cunha compoñente máis telúrica e bárbara, tal que O Outro (1930), O tolo de Lastra (1931) ou Dente d’ouro (1931). Textos que constitúen exemplos precisos desa vontade de facer país desde as máis diversas frontes, pero tamén dunha busca permanente dunha dimensión nacional na creación literaria. E nesa perspectiva Álvaro de las Casas, consciente do labor que cumpría desenvolver, tentou diversos xéneros e rexistros, desde os dramas históricos ata os folc dramas, sen esquecer fermosas divagacións líricas como Rechouchío (1936) ou tentativas de formular un teatro para a infancia.

Morreu en Barcelona en 1950. Quizais teña chegado o momento de esquecer aquela febre franquista de última hora e recuperar un creador e ensaísta de relevo. Pois, na fin, non foi o único que lle dedicou sonetos e cantigas á “cerillita ferrolana” (tamén coñecido como Francisco Franco).

No hay comentarios: