maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




martes, 20 de abril de 2010

Un libro sobre Marinhas del Valle


Jenaro Marinhas del Valle na lembranza
Memoria do desalento
MF Vieites

Vai unha das crónicas publicadas recentemente no Faro da Cultura, á que segue unha anterior sobre o mesmo autor.



Vimos de mercar una nova achega que se ocupa da figura de Jenaro Marinhas del Valle, da man de Henrique Rabuñal, un valente e activo militante das letras e da cultura galega que nos últimos anos se ten ocupado de manter viva a memoria e de impulsar a presenza no espazo público de quen poida que sexa un dos dramaturgos máis prolíficos e menos coñecidos da nosa literatura. Un traballo que, nesta ocasión, nos ofrece una manchea de textos espallados en diferentes volumes e que nos permiten obter unha aproximación moi atinada ao que foi o pensamento literario do autor de A revolta, aquela peza magnífica escrita a medio camiño entre a esperanza e o nihilismo e cunha cerna claramente existencialista. Pois entendo que entre as filiacións máis claras de Dom Jenaro, como lle chamaban os máis íntimos, teriamos aquela posición ante a vida que reclamaran filósofos e artistas varios, os que ante a crueza da vida non dubidaron en afirmar a súa existencia como suxeitos capaces de tomar decisións por duras que estas fosen, tomando así posición, sempre, ante a realidade.
O volume inclúe unha longa entrevista realizada por Rabuñal Corgo e Monterroso Devesa na que o autor de Ramo cativo, fermosa fantasía rural, fai un longo percorrido pola súa vida, o que, en moitas circunstancias, é tanto como dicir pola historia da nosa cultura. Velaí as lembranzas aínda vívidas daqueles tempos en que A Coruña se converte en base de operacións da intelectualidade galeguista e se promoven iniciativas como a creación das Irmandades da Fala, e, con elas, do Conservatorio Nazonal da Arte Galega, onde Fernando Osorio Docampo alenta unha renovación escénica que se tornou imposible. Impagables as lembranzas das “veladas teatrais” das Irmandades, que supoñen unha mostra da transcendencia que o teatro tería no proceso de galeguización da sociedade, ben similar a aquel que imaxinara e desenvolvera Douglas Hyde en Irlanda á fronte da Liga Gaélica. Unha entrevista que se pode complementar con outras lembranzas de Marinhas, como a que dedica a Manuel Lugrís Freire ou a Leandro Carré Alvarellos.
Non menos importante é o ensaio “Importancia do público na revelación teatral”, que vén sendo o discurso de entrada da Real Academia Galega, lido en 1978. De novo nos encontramos ante un traballo cun valor histórico enorme, en tanto o autor volve activar as lembranzas daqueles tempos en que o teatro galego se entendía como utopía posible, porque despois de xullo de 1936 houbo que ser civilizados á forza e falar castelán, tamén á forza. Velaí algo no que non reparan moitas das persoas que reclaman liberdade lingüística, esquecendo que durante moitos anos o galego foi lingua prohibida. Pero tamén é unha interesante reflexión verbo do rol que o teatro xoga no desenvolvemento das persoas e dos pobos, pero tamén como maneira de defender a dignidade da comunidade, dunha comunidade que tamén debe alimentar o seu espírito e confrontarse permanentemente. E aí aparece aquela dimensión máis racionalista e libertaria deste autor, habitante dunha cidade onde nos seus anos mozos tanta importancia vai ter a Sociedad Germinal, que contaba coa mellor biblioteca de A Coruña, queimada do 36, pois aquela asociación anarquista apostaba pola educación como ferramenta da emancipación e da liberdade.
Finalmente cabe destacar unha manchea de textos de procedencia diversa, moitos deles notas, preámbulos, prólogos e comentarios sobre obras propias, que, unidos a outras divagacións do autor sobre o personaxe ou a función do teatro, acaban por constituír unha sorte de poética fragmentada que nos serve de guía na lectura dunha obra ampla, rica e moi diversa, e que nestes tempos incertos cobra moita actualidade.
Desa obra tamén se ocupa Henrique Rabuñal nunha longa introdución dividida en varias partes, e das que cabería destacar aquela que se dedica a fixar a cronoloxía da escrita dramática do autor, ou aquelas na que ofrece unha primeira aproximación á súa poética e unha breve panorámica da recepción desas súas achegas. Remata o conxunto unha bibliografía na que hai que salientar a sección dedicada aos ensaios e artigos do propio Marinhas, un feixe de traballos publicados en moi diversos medios. Trala publicación da Obra dramática completa, editada en 2006 por Espiral Maior, este libro non deixa de ser un complemento necesario para contextualizar a obra e a figura dun dos dramaturgos máis importantes da literatura galega do século XX.
En 1995 a Revista Galega de Teatro publicou A Gaiola un texto inédito escrito en época imprecisa e que recolle perfectamente o espírito e a vivencia dun home que só na mocidade viviu tempos de esperanza, pois logo chegou un desacougo e unha desesperanza que o acompañarían toda a súa vida. Jenaro Marinhas del Valle exemplifica a vida de todas aquelas persoas ás que unha rebelión militar concibida como iluminada traizón, as privou para sempre da vida soñada, do paraíso, e as condenou a levar unha existencia incompleta, por veces imposible. Unha vida na gaiola.
Nos seus anos últimos Marinhas del Valle deu unha mostra máis do seu inconformismo e desa cerna existencialista que percorre a súa vida. Reintegracionista convencido, foi unha persoa moi activa en defensa da volta da lingua galega ás súas orixes romances e para a introdución da lingua portuguesa en Galicia. Non se resignaba a ser un crioulo, pero esa é outra historia, quizais outra gaiola. Mais este texto non deixa de recrear o conflito central que percorre unha boa parte da súa creación: a visión da existencia como unha aporía, un conflito existencial para o que non hai solución. Un pouco na liña daquela peza que Sartre titulara Huis Clos.

RABUÑAL, Henrique, O teatro en Jenaro Marinhas del Valle, A Coruña, Universidade da Coruña, 2009, 220 páxinas.

No hay comentarios: