maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 28 de abril de 2010

Luís Seoane e a teoría crítica

Volvemos con Luís Seoane, con outro fragmento dun traballo de vello no que analizabamos a súa relación cos postulados da Escola de Frankfurt. A referencia está máis abaixo.

Teoría crítica e creación dramática en Luís Seoane

Manuel F. Vieites


La profesión del teórico crítico es la lucha, a la que pertenece su pensamiento, y no el pensamiento como algo independiente o que se pueda separar de la lucha.

Max Horkheimer, [1937] 2000: 51.

Nesas figuras pintadas nas paredes,

que semellan que agardan, probes, limitadas, labouriosas,

entrego o meu mensaxe.

Luís Seoane, [1952] 1994: 103.

Una ausencia de libertad cómoda, suave, razonable y democrática, señal del progreso técnico, prevalece en la civilización industrial avanzada.

Herbert Marcuse, [1954] 1998: 31.

A creación literaria cabe estudiala desde moi diversas perspectivas, atendendo a diferentes escolas no eido da crítica literaria e mesmo á luz dos diferentes paradigmas científicos que se suceden ó longo dos séculos, un punto de vista que nos permite abrir considerablemente as posibilidades da explicación, da comprensión e da interpretación. Pois a arte, calquera arte, xamais se mostra allea nin ó seu tempo, nin ó seu contexto, sexa o social ou o estético. Diversos profesores, artistas ou investigadores que se teñen ocupado de estudiar a obra de Luís Seoane, sen prexuízos endóxenos, acostuman sinalar que se trataba dun home adiantado ó seu tempo, que sempre soubo estar á altura de todas as circunstancias que tivo que enfrontar, fosen de tipo persoal fosen de carácter artístico. Ese será o cerne da nosa pescuda, partindo do clima daquela época en que inicia a súa escrita dramática.

Considerando as grandes correntes de pensamento na historia da filosofía do século XX, poderiamos estudiar como estas impregnan todo tipo de manifestacións culturais, entre as que estarían as artes plásticas ou a literatura. A obra de Francis Bacon, por exemplo, está moi relacionada coa tradición fenomenolóxica e hermenéutica e velaí temos a longa serie de variacións que realizou a partir do Retrato de Inocencio X, obra de Velázquez, e que recentemente se puideron ver no IVAM de Valencia. Nesa dirección, o que se propón de seguida é unha lectura da obra dramática de Luís Seoane á luz das formulacións que sobre a cultura, a sociedade, a filosofía, a política ou a mesma epistemoloxía, se realizan, a partir dos anos trinta do século XX, desde a denominada Escola de Frankfurt onde atopamos personalidades do relevo de Max Horkheimer, Theodor Adorno, Herbert Marcusse ou Jürgen Habermas. Sen esquecer outras relacións posibles con autores, textos e movementos que se moven no eido, en paralelo ou na proximidade do que se coñece como teoría crítica, o que nos levará a considerar algunha achega de Antonio Gramsci ou de Paulo Freire, no eido da pedagoxía.

Non posuímos datos concluíntes respecto do coñecemento que Seoane tiña da obra destes e outros autores, se ben no caso de Paulo Freire, Seoane sería mais ben un precursor. Coidamos que algún tipo de contacto tivo que existir, loxicamente a través da lectura e fundamentalmente en relación coa obra de Marcuse, Benjamin ou Adorno, por moito que este non tivese excesiva confianza nun suxeito revolucionario colectivo capaz de potenciar o cambio social. Con todo, cómpre subliñar que o que de seguida imos presentar non deixa de ser unha simple aproximación a un conxunto de problemas cunha complexidade e dunha amplitude considerables, que esixirían proxectos de investigación específicos. Limitarémonos, xa que logo, a establecer algúns elos evidentes, a deixar constancia dalgunhas problemáticas ben suxestivas e a sinalar algunhas liñas posibles nesa pescuda por facer, aquelas que na nosa opinión poderían ter maior relevo e interese no momento presente.

1 Introducción

Nunha carta editada por Lino Braxe e Xavier Seoane (1996c: 470), e na que responde a unha crítica de Carlos García Bayón Luís Seoane sinalaba:

(...) pertenezco al grupo de jóvenes españoles de alrededor del 30 que mirábamos hacia Alemania, la anterior a Hitler, pues París nos parecía pasado y nos desarrollamos conociendo muy bien a los artistas alemanes que trataban de cambiarlo todo desde el derecho y la medicina, hasta la música, la pintura, el teatro, etc....

Certamente, despois da fin da Primeira Gran Guerra, en Alemaña comeza unha “década de apertura y vigorosa experimentación en la política social y las artes” como sinala Eve Rosenhaft (1998: 35). A comezos de 1923, baixo a dirección de Carl Gründberg e co patrocinio de Felix J. Weil, comezaba a súa andaina, o Instituto de Investigación Social de Frankfurt, marco de encontro e reflexión onde van coincidir un grupo de persoas que van dar orixe ó que hoxe se coñece como “teoría crítica”. Desde Berlín, Hans Reichembach conforma a “Sociedade para a filosofía científica”, marco no que se desenvolve o neopositivismo empirista tan próximo ó racionalismo lóxico do Círculo de Viena, onde atopamos a R. Carnap ou a O. Neurath e ámbito de procedencia de Karl Popper, promotor do racionalismo crítico e da falsación fronte á verificación. Dous movementos moi relacionados coa filosofía da ciencia pero igualmente vinculados coa teoría social e política e que van ter unha considerable influencia no século XX (Mardones, 1991; D’Agostini, 2000; Baert, 2001; Jay, 20003).

“Teoría crítica e creación dramática en Luís Seoane”. En En VV. AA., Xornadas sobre Luís Seoane. Compostela, Xunta de Galicia, 2004, pp: 153-188.

No hay comentarios: