maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




jueves, 22 de abril de 2010

Literatura e psicodrama



Hai unha relación evidente entre psicoloxía e drama, de xeito que os dramas constitúen casos a partir dos que realizar os máis diversos estudos sobre a conduta. A peza que presentamos, comentada no seu día en Faro da Cultura, pode ser un bo exemplo. O cadro é de John Morana


Banqueiros e poetas. Últimos días de Manuel Ruíz

MF Vieites

Manuel Ruíz e un home cunha enfermidade dexenerativa que xa perdeu control sobre o seu corpo. A súa mente permanece lúcida e esperta, mais é completamente incapaz de controlar o progreso da súa destrución física. Cos seus fillos, impotentes para atender adecuadamente unha persoa fisicamente dependente, argalla unha solución para ser admitido nun hospital e reclamar alí o dereito a unha morte digna. Todo isto acontece nunha cidade do Canadá, seguramente Montreal, a onde o tal Manuel chegara anos atrás na compaña da súa dona, xa falecida, e onde os dous viviran bastante tempo atrás.
A peza ten unha dimensión basicamente expositiva, pois vanse sucedendo os cadros que exemplifican a peripecia de Manuel, desde o momento en que os seus fillos o abandonan na rúa, ata ese momento climático no que, co pano de fondo dunha peza de Shubert, abandona este mundo, logo de ser sometido, por vontade propia, a un proceso de eutanasia que a veces se define como execución, suicidio asistido ou asasinato consentido.
Mais a peza non remata aí, pois estamos ante unha creación que non é habitual atopar na bibliografía dramática. Doutor, por favor, máteme con xeito, ou 36 días na vida de Manuel Ruíz, defínese como unha “peza de teatro en forma de socio-drama en seis cadros (o derradeiro un debate)”, explicando que se pode representar ou simplemente ler. En efecto, tratase dun conflito dramatizado que non só persegue a posta en situación escénica do conflito senón unha valoración crítica por parte de lectores, e, o que resultaría máis importante, por parte dos espectadores, homes e mulleres.
O psicodrama e o sociodrama son un desenvolvemento terapéutico de Jacob L. Moreno, médico psiquiatra de ascendencia sefardí nado en Bucarest, que entendía que na comprensión e na resolución de conflitos era fundamental promover unha vivencia activa dos mesmos, que propiciase pola súa vez unha nova comprensión, o que se lograba a través da súa escenificación, e da observación e comentario da mesma por parte do individuo inserido nun grupo de terapia. A diferenza da psicanálise de Freud, asentada no fluxo lingüístico, e na súa interpretación (ata chegar á hipérbole logocéntrica de Lacan), Moreno propoñía unha comprensión desde a acción, pois un xesto pode dicir tanto como as palabras, mesmo contradicilas.
O psicodrama coñeceu importantes desenvolvementos en experiencias sempre marxinais, aínda que houbo países nos que foi amplamente considerado en épocas concretas. Derivou en múltiples direccións, unha delas en torno ao que se coñece como “terapias expresivas” que procuran que por medio da expresión e da comunicación no grupo, o suxeito vaia expulsando os conflitos que o aflixen e vaian agromando as causas latentes dos mesmos. Un dos máis coñecidos practicantes desta metodoloxía é Eduardo Paulovski, recoñecido actor e dramaturgo que nos anos sesenta formou parte dun grupo que promoveu a renovación das prácticas terapéuticas en América.
Unha parte importante do proceso ten que ver coa participación no grupo, nun exercicio de comentario e deliberación que busca acompañar e arroupar o individuo, pero tamén analizar adecuadamente as causas e razóns dos conflitos, deliberacións que por veces se realizan mediante xogos de roles.
Por iso no texto que presentamos se producen unha e outra vez intervencións de actores que desempeñan roles de espectadores e por iso tamén se solicita a intervención do público verdadeiro. O moderador, a modo de condutor da escena, vai organizando a presentación de xeito que todos os puntos de vista se manifesten e a concorrencia poida ter unha comprensión cabal da complexidade dun problema. Neste caso, unha cuestión tan transcendente como as razóns para aprobar ou rexeitar a eutanasia. Por iso creo que estamos ante unha peza que se debería escenificar adecuadamente para despois levala por toda Galicia, para que as persoas puidesen participar nun debate necesario sobre a mellor maneira de asumir e enfrontar a morte. Mais usos e beneficios do teatro, escola de cidadanía.
Coñecín ao Doutor Teixeiro arredor de 1985, cando eu iniciaba en Vigo a miña colaboración co que daquela era a Escola Dramática Galega. Andaba coa idea de crear un grupo de traballo en torno ao que puidesen ser as terapias expresivas, despois de ter realizado un curso de psicodrama que me mostrara como na análise da conduta dos personaxes as xentes de teatro non poden renunciar ao potencial explicativo das ciencias da conduta. Finalmente a proposta non resultou naquela altura, se ben é probable que en breve ese grupo se poida constituír. Gardo daquel encontro unha lembranza indeleble e a imaxe dun home amable, atento, disposto a colaborar, pero tamén bastante escéptico.
Non era para menos. Despois de ter traballado tanto tempo na posta en marcha de liñas de traballo eficaces pero marxinais para enfermidades marxinais de persoas marxinais, ou de ter iniciado experiencias pioneiras con resultados excelentes pero xamais recoñecidos, o Doutor Teixeiro seguramente non gardaba xa moitas esperanzas de que as propostas renovadoras que viña impulsando desde tantos anos atrás acabasen por callar. Esta peza que agora nos chega constitúe en boa medida o testamento intelectual dun médico que aparece cabalmente definido na páxina 97. A diferenza de tantas e tantas persoas o Doutor Teixeiro sabía que a misión do ser humano neste mundo non é a de atesourar riquezas senón experiencias e coñecemento. Como tamén o dicía Cavafis, no seu magnífico “Ítaca”.

TEIXEIRO, XOSÉ, Doutor, por favor, máteme con xeito, A Coruña, Biblioteca Arquivo Francisco Pillado Mayor, Universidade da Coruña, 2009, 179 páxinas.

No hay comentarios: