maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 28 de abril de 2010

Gustavo Pernas Cora na ESADg

Hoxe, 28 de abril, o dramaturgo Gustavo Pernas Cora estivo na ESAD dando unha conferencia sobre a súa obra dramática. Foi moi interesante por canto ofreceu pistas para achegarse á súa escrita que comeza hai xa bastantes anos. Puxo como exemplo un texto recente, As pílulas do doutor Negrín, que leu con verdadeira devoción para despois comentar os que considera trazos xerais desa obra súa. Hai anos que seguimos a traxectoria de Gustavo. Tempo atrás publicabamos unha crónica en Faro da Cultura que reproducimos deseguida, como aproximación posible a un dos autores máis constantes na nosa dramática.

A cidade en ruínas

Manuel F. Vieites

Desde Ladraremos, un texto de 1996, primeira achega da Triloxía Comedias Paranoicas, publicadas no seu día por Edicións Xerais de Galicia, a obra dramática de Gustavo Pernas Cora ocúpase preferentemente en articular unha visión crítica da vida cotiá, con frecuencia recreando situacións habitadas por un home e por unha muller, ora presentados como persoas concretas ora cun carácter máis xenérico, e sempre desempeñando roles moi diversos. A querencia por incidir nesa pauta básica da interacción humana, que é unha constante na dramaturxia universal, tamén se deixa sentir en pezas nas que o autor convoca outros personaxes, pois a súa conducta sempre se presenta a través do diálogo e no confronto co outro. Na súa escrita, Pernas xamais renuncia a integrar na fábula argumental problemáticas actuais como a marea negra provocada polo Prestige ou a Guerra do Iraq, dando así conta do seu compromiso co presente. Finalmente, hai que destacar a vontade de espremer as miserias cotiás dos habitantes dun país cuberto permanentemente pola brétema, por un neboeiro que nos impide ver máis alá dos nosos propios pés e que alenta ese minifundio intelectual e afectivo que consome a nosa existencia, inzada de tanta incomunicación, silenzo, soidade, simulación ou frustración (como mostran as nosas querencias televisivas).

Xogo, equívocos, ironía, un pouso de acedume e moito humor (a veces negro coma o carbón). Velaí algúns dos instrumentos cos que Gustavo Pernas constrúe as súas fábulas, nas que reflicte as circunstancias da nosa existencia, en tanto homes e mulleres, habitantes dun territorio denominado Galicia, que ora se presenta a través desa visión kafkiana da cidade que latexa en Paso de Cebra, ora se mostra a través da mirada duns turistas que contemplan unha cidade en ruínas. E con esas ruínas Pernas constrúe unha metáfora poderosa que percorre toda a súa obra, coa que nos fala do noso presente e desa carreira por negar o futuro na que todos, incomprensiblemente, participamos, como eses turistas que contemplan, impotentes, a súa propia miseria cotiá, a súa anemia vital. Amais de Paso de Cebra, o volume inclúe Sucesos, integrado por cinco escenas autónomas, e dous traballos breves pero intensos nos que o autor presenta a súa obra, comenta a súa poética e defende ese oficio, tan incerto e improbable, de ser escritor en Galicia. Textos para ler, de vagar, sen présa.

PERNAS CORA, Gustavo, Paso de Cebra e Sucesos, Compostela, Edicións Laiovento, 2004, 195 páxinas.

No hay comentarios: