maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




martes, 27 de abril de 2010

Dúas pezas de Camus

Dúas pezas de Albert Camus

Dramas universais en lingua galega

MV García

Un traballo publicado en Faro da Cultura

Vai para un par de anos que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en colaboración coa Editorial Galaxia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, poñía en marcha un servizo propio de publicacións coa finalidade implícita de contribuír a encher un baleiro editorial endémico no campo da literatura dramática e dos estudos escénicos. A obra coa que se abría a colección, titulada Cento vinte e cinco anos de teatro en galego, recollía traballos moi diversos, entre os que agora lembramos o escrito por Noemí Pazó, que daba conta do universo da tradución de textos dramáticos para a nosa lingua, ámbito especialmente deficitario se consideramos que aínda non dispoñemos, por exemplo, da obra completa de William Shakespeare.

Hai pouco menos dun mes, chegábanos a nova de que a ESAD de Galicia, cos patrocinios antes sinalados, e coa cooperacion necesaria de Galaxia, presentaba novos volumes nesa súa colección, agora vinculados cun proxecto para trasladar á lingua galega unha manchea de textos que poderiamos considerar como clásicos universais ou contemporáneos. Anúncianse traducións de autoras como Caryl Churchill ou Sarah Kane, de dramaturgos fundamentais como Jean Genet, Peter Hadke ou Heiner Müller, pero tamén se considera a necesaria edicion de clásicos máis populares como Anton Chekhov, Arthur Adamov, Pierre Marivaux ou Richard Brinsley Sheridan. Un proxecto que se vén sumar aos que se desenvolven noutras institucións e casas de edición e que vai supoñer un forte incremento da literatura dramática dispoñible en lingua galega, o que pode incentivar a creación teatral amais de facilitar a docencia e o traballo diario en aulas e estudos de teatro.

Para iniciar esta nova xeira, escolléronse dous textos de Albert Camus, traducidos por Inmaculada López Silva, recoñecida novelista e cronista habitual en revistas culturais e de teatro. Son dous textos que mostran, de maneira precisa, o universo hostil en que Camus sitúa uns personaxes para os que non cabe ningunha posibilidade de futuro que non sexa o baleiro, a derrota ou a morte. Tanto Calígula como O malentendido son dous exemplos dunha tendencia literaria que Camus vai desenvolver desde O estranxeiro e sobre a que ofrece interesantes consideracións nun traballo teórico titulado O mito de Sísifo, onde formula os principios do absurdo, denominación que anos despois Martin Esslin vai utilizar para referenciar a obra dramática de Beckett ou de Ionesco.

Trátase de dúas pezas cunha actualidade evidente, que nos sitúan diante das miserias máis recorrentes dun ser humano dominado pola ambición do poder, pola crueldade ou pola avaricia, e que acaba por consumirse na máis absoluta degradación. Con todo, son dúas pezas que aínda posuíndo unha mesma cerna existencial presentan argumentos ben diferentes.

Calígula, que recrea algunhas das peripecias máis notables do emperador romano, mostra os efectos da insatisfacción pero tamén a maneira en que a barbarie acaba por ser cousa de moitos, dos que a incitan directamente e dos que a manteñen co seu silencio cómplice ou coa súa colaboración evitable. O malentendido recrea un universo pechado e hostil, que en certa medida nos fai lembrar as atmosferas irrespirables de Dostoievski ou Kafka. Nese inferno íntimo conformado por silencios permanentes e innúmeras frustracións, habitan dúas mulleres, nai e filla, responsables dunha casa de pensión na que recala, despois de vinte anos, Jan, o fillo de María, o irmán de Marta, que, irrecoñecido, acaba engrosando a pila de cadáveres cos que as dúas mulleres incrementan a súa riqueza material e a súa podremia moral.

O volume vai precedido dunha interesante introdución asinada por Norma Rodríguez, na que se ofrece abundante información verbo da traxectoria vital e literaria de Albert Camus así como algunhas claves para a lectura e a interpretación de dous textos sobresalientes, sobre os que se ofrece unha analise pormenorizada.

Hai anos, Manuel Guede dirixiu unha primeira versión galega de Calígula desde o Centro Dramático Galego, na que destacaba o traballo de Antonio Durán “Morris”, actor que encarnaba ao emperador romano. Algúns anos antes, contra 1991, Eduardo Alonso xa presentara, con Teatro do Noroeste, o espectáculo Os xustos, baseado nun texto homónimo do dramatrugo francés traducido por Xosé Manuel Beiras e que se publicaría nos Cadernos da Escola Dramática Galega, empresa admirable de Francisco Pillado Mayor. O estranxeiro, a novela fundamental do autor e quizais a obra súa máis emblemática e coñecida, tamén tivo unha versión galega realizada por Valentín Arias.

Estes dous textos veñen encher un baleiro fundamental pois estamos ante un dos dramaturgos máis importantes do século XX, un autor que igualmente destaca por ter formulado principios básicos, no plano literario, do movemento existencialista, pero tamén desa tendencia que se vai denominar teatro do absurdo e que mellor sería definir como teatro do paradoxo, por seguirmos a atinada proposta de George Wellwarth. En efecto, pois autor que verdadeiramente se pode considerar como central nesa tendencia da literatura do absurdo sería Camus, e con el Kafka e tamén Dostoiveski. Estas dúas pezas serven, xustamente, para mostrar a sinrazón da vida e da existencia.

CAMUS, Albert, Calígula, O malentendido, Vigo, Editorial Galaxia, 2009, 230 páxinas.

No hay comentarios: