maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




domingo, 25 de abril de 2010

Diderot (II)

Nos inicios do drama burgués
MF Vieites

Un traballo publicado en Revista Galega de Teatro


Non hai dúbida de que a Asociación de Directores de Escena e Francisco Lafarga encheron finalmente unha das lagoas máis importantes que padecía a bibliografía dramática. Coa publicación de El hijo natural e El padre de familia, dunha banda, e de Conversaciones sobre El hijo natural e De la poesía dramática, da outra, desaparece pois ese baleiro enorme en relación cun autor fundamental no ámbito dos estudos literarios e mesmo teatrais. Son dous textos e dous epílogos sumamente importantes no eido da revolución dramática que se produce contra finais do XVIII.
El padre de familia, como lembraba Marvin Carlson no seu magnífico estudo, Theories of the Theatre, supón a confirmación dun modelo de creación dramática que domina, desde aquela, a escena occidental, en tanto confirma iso que agora coñecemos como drama, e como drama burgués. En efecto, o profesor Carlson comenta o impacto que van a ter en Europa algúns traballos de autores como Richard Steele, editor de The Tatler, ou George Lillo, autor de The London Merchant, tentativa clara de promover unha comedia doméstica que se ocupase das persoas do común (o common burgués), aquelas nas que o espectador habitual se podería recoñecer. Aí temos algunhas das fontes de Diderot.
Ademais dese interese polo cotiá propio das familias burguesas, no século XVIII tamén se produce unha aposta decidida pola dimensión moral da obra literaria, especialmente importante na dramática, en tanto pretexto fundamental na creación escénica. Autores como Nericault Destouches xa proclamaban a necesidade de corrixir os costumes, mostrar o ridículo, condenar o vicio ou exaltar a virtude, un programa rexenerador que tamén está na base daquel sensacional traballo que D’Alembert publica na Enciclopedia sobre a necesidade de establecer un teatro en Xenebra, o que provocará a ira desenfreada de Rousseau, seguidor de Platón na condena do teatro. Dalgunha forma, o Discurso sobre la poesía dramática non deixa de ser una resposta ante o frenético, desmedido e ben pouco xustificado asalto de Rousseau, e no que Diderot vai mostrar como na poesía dramática existen diferentes xéneros e que entre eles destaca o que denomina comédie sérieuse chamada a desvelar vicios, desdichas e catástrofes domésticas.
Existían, xa que logo, antecedentes precisos do que será a comedia lacrimóxena e o drama burgués, dous modelos próximos que Diderot recrea nos dous textos dramáticos antes comentados. Pero Diderot tamén exercerá unha influencia importante noutros autores, como Beaumarchais, Mercier, Jovellanos ou Moratín fillo, que tanta importancia haberían de ter no desenvolvemento posterior do drama, que pasa a ser un xénero case universal no occidente.
El padre de familia, peza publicada en 1758 e escenificada en 1761, mostra situacións e conflitos que haberían de ser recreados centos de veces en textos e espectáculos de todo o mundo, particularmente no xénero do melodrama. Lemos como un amor imposible, que ameaza con provocar a ruína emocional e mesmo moral dunha familia, faise finalmente realidade cando as identidades se desvelan, os sentimentos se formulan con sinceridade e os prexuízos se deixan a un lado. O salón pasa a ser lugar de tránsito de todos os personaxes, o que permite, entre outras cousas, dar cumprimento a criterios de verosimilitude e observancia dalgunhas regras, como as de acción, tempo e lugar, aínda que nesto sempre houbo unha certa flexibilidade. Ao final, a obra non deixa de ser unha especie de consideración moral sobre a educación dos fillos, como manifesta o propio autor na “Epístola a su Alteza Serenísima la Señora Princesa de Nassau Saarbruck”, aristócrata ilustrada, e que sitúa como prólogo necesario para a comedia.
Como dicíamos, o volume contén un ensaio moitas veces citado, De la poesía dramática, xustificación concibida como unha sorte de curso de escritura dramática, no que Diderot formula unha poética adaptada aos tempos novos que se anunciaban desde a Enciclopedia e polo movemento ilustrado. Con todo, no faltan consideracións relativas á maneira en que as novas obras se haberían de representar, e así afirma que “la comedia tiene que ser representada en ropa de casa”, toda unha declaración de principios vinculada coa verosimilitude e coa importancia do salón burgués, centro da vida social no ámbito privado e público. Particular interese teñen as propostas que se fan sobre a “pantomima” e que cabería entender como unha chamada de atención sobre a cinética do actor, que se produce a través dun xogo de acción e reacción, o que en suma implica que o texto xa non se debe recitar senón que se debe actuar, trasladalo pois ao corpo e ao espazo, para que sustente a relación cos outros. O corpo acompaña a palabra, e os actores e actrices xogan entre si coas súas palabras, con corpos e movementos, nun espazo que por fin se descubre, e se mostra. Por riba de todo, destaca a visión da poesía dramática vinculada co momento social e político, e o teatro pasa a ser elemento de intervención e mesmo ferramenta para a revolución (a burguesa).
Dous textos fundamentais na historia da creación dramática occidental, e necesarios para comprender a evolución do teatro contemporáneo ao longo dos séculos XIX e XX. Textos para saber e para facer…, teatro.


DIDEROT, Denis (2009): El padre de familia. De la poesía dramática. Madrid, Asociación de Directores de Escena, 251 páxinas. Edición e tradución de Francisco Lafarga.

No hay comentarios: