maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 21 de abril de 2010

Danza en Galicia

A Danza en Galicia: o futuro inmediato
A propósito da Escola Superior de Danza
Manuel F. Vieites

Velaquí un traballo bastante vello tirado de Faro da Cultura que aborda un problema moi actual.

Unha das tarefas máis urxentes e complexas que teñen diante súa os responsables da Consellería de Cultura vai ser a reformulación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Unha transformación que debe considerar finalidades, estructura e funcións, alén do tratamento singular que precisan os campos obxecto da súa intervención. Entre eses campos, a danza precisa do deseño e posta en marcha dun verdadeiro proxecto estratéxico, tan realista como ambicioso, que permita que Galicia recupere o tempo perdido.
No pasado medio século a única compañía de danza que puido desenvolver o seu traballo en Galicia foi o Ballet Galego Rey de Viana. Creado nos anos cincuenta por José Manuel Rey de Viana, foi acollido e patrocinado durante anos pola Deputación Provincial de A Coruña e na actualidade constitúe unha das unidades de producción do IGAEM, con dirección de Victoria Canedo. Nas súas orixes, e nos traballos máis destacados, o Ballet propuxo unha dignificación da danza tradicional galega, a mesma tradición que recolleran e preservaran moi diversas agrupacións folclóricas que agroman en Galicia nos anos vinte e que manteñen o seu pulo ata datas ben recentes. Rey de Viana, enfronta ese proceso de dignificación partindo de dous eixes: a formación dos elencos e unha certa estilización nas coreografías, se ben resulta menos apreciable no que atinxe ao vestiario e aos útiles escénicos. Escolle, xa que logo, unha dirección parella á que propoñía en 1924 Jesús Bal y Gay no seu magnífico tratado, Hacia el ballet gallego, que supón a apropiación do ideario dos teatros de arte europeo e a aplicación dos seus principios artísticos a un proxecto de construcción dun ballet nacional, no que, certamente, se deixa sentir a influencia dos Ballets Rusos de Diaghilev. Unha proposta aínda non superada e que segue mantendo a súa plena vixencia.
En efecto, o proxecto de Rey de Viana, formulado máis de trinta anos despois, non foi tan ambicioso como o de Bal y Gay, pero cando menos serviu para que a danza tradicional galega dese un salto considerable na súa proxección e na súa dimensión cualitativa, sobre todo coa incorporación de recursos, técnicas e elementos propios do ballet o da danza moderna. Sen deixar de recoñecer todo o traballo realizado en todos estes anos, non podemos ocultar que nos últimos anos, en realidade desde os anos oitenta, a compañía mantén un modelo artístico esgotado. O último espectáculo da compañía, de xira por Galicia nestes días, non deixa de ser unha mirada chea de nostalxia a un pasado irrecuperable. Abonda con mirar o libro editado recentemente por Carlos L. Cortón para tomar conciencia de que os anos foron pasando sen que a compañía iniciase un proceso de renovación e innovación, quizais porque a férrea vontade do seu fundador, e agora a de Victoria Canedo, por manter un control absoluto sobre a dirección da compañía, impediu a aparición de ideas novas, de creadores novos que abriran camiños novos para a compañía.
Iso é o que cómpre facer neste momento. Proceder a unha fonda transformación desa compañía e crear no IGAEM a Compañía Nacional de Danza, que permita incorporar novas expresións, sen que iso supoña renunciar ao patrimonio propio. Hai que buscar un equilibrio entre a danza tradicional, a danza moderna e contemporánea e as novas experiencias e tendencias. Hai que ampliar e diversificar uns repertorios que nesta altura están ancorados no pasado, pero que ademais acabaron por tinguirse dunha lectura demasiado “rexional” da danza tradicional, aquelo que Jesús Bal y Gay propoñía superar, para crear unha danza verdadeiramente nacional nas súas esencias e nas súas temáticas, e, finalmente, nas manifestacións escénicas.
Pero a renovación e a innovación non poder derivar en exclusiva da vontade política. Cómpren medidas que permitan a creación de marcos para facilitar eses procesos, que dependen da formación e da investigación. E aquí debemos lembrar o acontecido no Black Mountain College, sito na cidade de Black Mountain, en Carolina do Norte, nos Estados Unidos de América. Alí coinciden persoas como Xanti Schawinski, un refuxiado alemán procedente da Bauhaus, o músico John Cage e o coreógrafo Merce Cunningham, e poñen en marcha unha serie de experiencias que van transformar de forma radical as artes escénicas da segunda metade do século vinte. Dúas liñas de traballo que deben ser abordadas desde a Escola Superior de Danza de Galicia, unha institución educativa que veña dar continuidade e pechar o proceso aberto pola Escola Profesional de Danza de Lugo. Unha Escola superior desde a que formar tanto aos profesionais do baile e da danza como ao profesorado e aos creadores dos que depende o pleno desenvolvemento dunha arte á que Galicia non debería renunciar. Unha Escola Superior, que, como no caso da Escola Superior de Arte Dramática, debe estar asociada a unha compañía, Viguesa de Teatro e Danza, na que o alumnado e os titulados das dúas Escolas poidan realizar os seus primeiros traballos.

Un campus das artes escénicas. Hai un par de anos propoñiamos nestas páxinas a posibilidade de crear en Vigo un campus das artes. Mesmo propoñiamos as antigas instalacións da ETEA como un emprazamento posible, pensando que un proxecto de cidade tamén se pode construír con equipamentos que noutras latitudes supoñen unha posta en valor da propia cidade. Velaí temos como exemplo o magnífico Lincoln Center for the Performing Arts de Nova York. Situado cabo de Central Park, en pleno corazón de Manhattan, o vasto complexo, dedicado por enteiro ás artes escénicas, acolle unha das máis importantes bibliotecas teatrais do mundo, e alí tamén se sitúa a coñecida Julliard School unha das escolas de música, danza e teatro máis prestixiosas do planeta, que cada ano atrae a decenas de estudiantes dos máis diversos países.
Cabería imaxinar a posibilidade de que desde Vigo se fixesen as xestións oportunas, acompañadas dos compromisos e axudas necesarias, para lograr que nun prazo razoable de tempo nesta cidade se puidese poñer en marcha a Escola Superior de Danza de Galicia. Vigo xa conta coa Escola Superior de Arte Dramática e existen poucas dúbidas a respecto das posibilidades de interacción entre esas dúas escolas superiores nos eidos da formación, a investigación e a creación. A ESAD de Galicia vai precisar dun edificio de nova planta para o seu pleno desenvolvemento, e sería ben interesante que se considerase a posibilidade dunha intervención que permitise a creación dun pequeno campus para situar eses dous centros superiores. Logo das declaracións feitas por José Luis López Iriarte, Director Xeral de Educación do Ministerio de Educación, todo parece indicar que a nova Lei Orgánica de Educación vai potenciar a creación dos Institutos Superiores de Ensinanzas Artísticas, ou universidades das artes, onde se integrarán os centros superiores de ensinanzas artísticas, entre os que se inclúen os Conservatorios Superiores de Música de Vigo e A Coruña e a Escola de Restauración de Pontevedra.


PD. Hoxe, en 2010 semellaría moi razoable que ese campus das artes escénicas se crease en Navia e con el a Escola Superior de Artes Escénicas, xuntando os estudos superiores de arte dramática e danza baixo un mesmo teito.

No hay comentarios: