maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., amenizado por Manuel F. Vieites




miércoles, 28 de abril de 2010

cruz gonzález comesaña

Hai días que paga a pena vivilos, aínda que cada día sexa unha beizón, por malo que sexa. Hoxe coñecín a Concha González Comesaña, irmá de Cruz González Comesaña, actriz que se foi hai máis de vinte anos e a quen algúns recordamos aínda con enorme cariño porque era moi boa xente. Coñecín a Cruz un día en Ponteareas, no auditorio Reveriano Soutullo. Viñamos de representar Zeussión Continua, un espectáculo que eu dirixira con Teatro de Ningures. Foi moi amable e cariñosa con nós e falounos moi ben do noso traballo, e aí comezou unha longa amizade. Debo confesar que penso bastante nela, sobre todo despois de que se puxo a andar a ESAD de Galicia, e imaxino a Cruz como unha das profesoras do centro, e debo confesar que nos días baixos, baixos, baixos, que os hai..., teño a sensación que hai algo que tira de min e me obriga a reaccionar, a seguir, a sacar forzas e folgos de nonseionde. En realidade tamén é que boto moito en falta a presenza de Cruz porque era todo ánimo, traballo, esforzo, dedicación...
E neses momentos baixos, baixos, penso en Cruz e dígome que hai que seguir, porque esta realidade que estamos a construír entre todos tamén era, e máis é, o soño de moitas persoas que non están con nós. Por nós e por elas, por todos hai que seguir, pese a todo. O soño de Cruz, sen dúbida...

Aí temos a Cruz González Comesaña en A pousadeira, espectáculo do Centro Dramático Galego.

E pensando en Cruz deixo aquí unha vella canción, dos Smash, de Matito, que tamén nos deixou hai moito tempo.

No hay comentarios: