maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


sábado, 21 de abril de 2018

Tres novos textos dramáticos de Manuel Lourenzo editados por Xerais

Suite Artabria

Unha triloxía de Manuel Lourenzo 

Manuel F. Vieites

Faro da Cultura, Faro de Vigo

 Son tres en efecto, os textos que integran este volume, cos que o seu autor gañou en 2016 o Premio Álvaro Cunqueiro de textos dramáticos que cada dous anos convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais, e que vén de editar Edicións Xerais de Galicia na colección Biblioteca Dramática Galega, xa polo número 22. É certamente cousa de mérito que un dos premios oficiais máis importantes das nosas letras, promovido desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que ten a finalidade explícita de potenciar a creación dramática, non teña carácter anual, pero cousas máis exquisitas e aberrantes se teñen visto neste país. Será que os autores e autoras escriben tamén con carácter bianual ou que ao mellor son dous os anos que leva escribir un texto dramático polo aquel dos diálogos e das didascalias. Son arcanos difíciles de explicar, pero máis aínda de entender. 

Suite Artabria, está integrada por tres textos titulados Orzán,O fulgor das Atochas Alerta na rúa do pozo, aos que o autor quere vincular por medio do concepto musical de suite, tendo como elo común e fío condutor o feito de daren conta de tres historias marcadas por seres tristes que viven vidas tristes, pero que aínda así están dispostos a facer o que for para sobrevivir, e manter viva a tristeza de todos os días. Nesa dirección, as tres historias comparten a súa capacidade probada para alimentar aqueles vellos seriais que se ían debullando aos poucos nun coñecido e moi popular semanario que, creado e dirixido por Eugenio Suárez Gómez, se editou en Madrid entre 1952 e 1987. Titulado El Caso, propoñía unha crónica de sucesos rechamantes, non sempre vinculados coa enorme diversidade formal do crime, e nalgunhas ocasións similares aos que agora alimentan programas televisivos con altos índices de audiencia, mesturando novas cun alto impacto emocional e figuras moi populares nas artes da rexouba, da cubillada e da murmuración.

Neste caso sen embargo estamos ante tres historias que se ben puideron ter acontecido, non temos constancia do seu carácter histórico ou de que tivesen pasado á esfera pública, se ben en moitas vilas e cidades do país teñen acontecido historias semellantes, que son moitos os segredos que se manteñen agochados. E por volvermos ao asunto da suite, tal vez a música que mellor lle acaía ao conxunto, sexa a do bolero, por moito que este sexa un xénero no que o saxo ocupa un lugar secundario cabo de pianos, guitarras e percusións. Boleros que falan de abandono, traizón e penar.

Dos tres textos, o máis logrado é o primeiro, onde se recrea unha historia de supervivencia na que interveñen tres homes e unha muller, sendo os homes un pai e os seus dous fillos, e sendo a muller, a moza dun dos fillos, logo acariñada co irmán do seu mozo, e finalmente forzada polo pai, quen reivindica con esa acción o seu rol de galo maior do infecto curral. Hai, de certo, unha considerable negrume en todo o conxunto, que en Orzánse volve arrepiante e mesmo abafante, e será por iso, ao mellor, que nos veñen á cabeza imaxes de pezas notables na súa negrume, sexan títulos do grand guignolfrancés tan popular a principios do século XX, sexan textos sobranceiros de Armado Cotarelo Valledor (Mourenza), Antón Villar Ponte (Os evanxeos da risa absoluta), ou Ramón María del Valle-Inclán (Cara de plata), sen esquecer a peza que Harold Pinter titulou The Homecoming, habitualmente traducida como De volta ao fogar.

Pois a esencia última desta drama de ribeira, e houbo un tempo en que o Orzán era tal cousa, radica nos cambios de fortuna que se van producindo cando Carlos, e despois Antón (o pai), volven ao fogar onde vive Berto na compaña da nai, que desaparece, e cos amores de Rus, que vai e vén. A volta de Carlos fai que determinados acontecementos se precipiten, e a chegada do vello e inerme Antón fai que todo o castelo de naipes de desfaga. Como dixemos, un asunto que de ser coñecido, alimentaría páxinas e páxinas do antedito semanario. Un texto excelente, que como levamos dito, arrepía. Parabéns a autor e editor por esta magnífica peza de literatura negra. 

Un conflito global

Certamente nas tres pezas que integran o tríptico hai referencias claras a barrios e lugares da cidade herculina, mais non é menos certo que esas historias poderían ter acontecido ou podería situarse en calquera outra cidade galega; en Vigo, por exemplo. Nomes coma Orzán, As Atochas, A Torre ou Os Castros teñen resonancias múltiples, que aumentan de forma considerable ao dicirmos Monte Alto, Labañou, O Papagaio, Palavea ou Sagrada Familia. Falta, non obstante, a paisaxe humana, esa longa ringleira de persoas, condutas e formas de vida, que constituían emerxencias, por veces brutais, das moitas problemáticas que padecían os habitantes deses barrios, non tanto marxinais canto marxinados. Bótase a faltar, nos tres textos de Lorenzo, a presenza coral da colectividade para que a idea de ruta iniciática que reclama o autor cunha certa afouteza, e que tanto apreciaba o xurado do premio no seu ditame colla corpo e sentido.

E mesmo así, aínda sen a presenza de todas esas persoas con carne e desexo, os tres textos están a falar das desgrazas cotiás das xentes do común, desafiuzadas de por vida antes de naceren, pois tal é o destino dos que habitan os mundos que as elites sitúan da banda dos que perden. Robin Soans é autor dun texto notable, A State Affair, no que recrea o mundo no que viviu a dramaturga Andrea Dunbar, nun barrio desfeito da cidade derruída de Bradford, noutrora unha gloria da industria téxtil inglesa. Escoitando aos amigos de Andrea falar de fracasos e esperanzas, de drogas e violencia, non era tan difícil situármonos en tantos e tantos barrios de tantas cidades que viron como o slogan do “No future!” se facía realidade. Tamén agora esa ausencia de futuro segue a ser o conflito da maioría. Na Coruña, en Vigo, en todas partes.

No hay comentarios: