maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


lunes, 16 de abril de 2018

El techo de cristal. Sylvia Plath, Anne Sexton & Laura Rubio Galletero

Benditas poetas malditas
Quebrando teitos

Manuel F. Vieites

Faro da Cultura, Faro de Vigo

Quixo Fortuna que nos días últimos do mes de febreiro caera nas miñas mans un texto especialmente suxestivo por motivos varios. El techo de cristal, publicado en 2017 por Antígona, do que é autora Laura Rubio Galletero, precedido dunha introdución de Margarita Borja, recrea momentos cruciais na vida de dúas mulleres que partillan conversa e Martinis na barra dun bar, a do Boston Ritz-Carlton, pois as dúas asisten a un curso de poesía que imparte Robert Lowell na Universidade de Boston nos primeiros meses de 1959. Son Sylvia Plath e Anne Sexton, gañadoras de cadanseu Premio Pulitzer, e vinculadas co movemento do “confesionalismo”, que inauguran William de Witt Snodgrass con Heart’s Needle(1959), e Lowell con Life Studies (1959).

O título da peza semella estar tirado da novela que Plath publica en 1963, The Bell Jar, onde describe as experiencias e vivencias de Esther Greenwood, unha moza que gaña un posto de bolseira nun xornal de Nova York. Na súa peripecia e padecementos abrollan as dificultades de calquera muller para adaptarse a un mundo masculino onde os roles están fortemente predeterminados, polo que cómpre respectar o estereotipo máis axeitado para non saír do rego marcado; roles asentados na etiqueta “filla de”, “amiga de”, “señora de”, que sitúan a persoa baixo unha campá de cristal da que resulta difícil escapar. Na conversa de Anne e Sylvia agroman as dificultades para lograr una adecuada combinación de roles, quer na esfera pública quer na privada. Por iso só lles queda a rebelión, na procura da perfección, na provocación, no suicidio. 

Sylvia Plath e Anne Sexton son na actualidade dúas poetas de recoñecido prestixio na Academia, mais os camiños que tiveron que facer e desfacer foron especialmente duror por motivos diversos en cada caso, aínda que haxa un denominador común como é a súa condición de mulleres bravas nun mundo de lobos. Lembremos que por volta de 1968 Tammy Wynette situaba nos primeiros lugares das listas de éxito unha canción, “Stand by your man”, que reflectía unha maneira dominante de ver un mundo no que o home era o dono do poder, se ben a cantiga remataba cunha frase que daba moito para pensar ao dicir que despois de todo un home non é máis que un home, como ben mostra Anne Sexton nun poema titulado “Housewife” (1962).

A peza consta de 14 escenas, sendo sete as que transcorren na barra do Ritz, e as outras sete recollen momentos diversos que serven para presentar outros tempos, espazos e participantes nunha mestura de historias que nos falan de poesía, psiquiatría, degoiros, esperanzas e frustracións. Atendendo á construción da trama cabería pensar que xira arredor de Sylvia Plath, pois sobre ela se constrúen escenas transcendentais: a primeira, na que Anne Sexton, mentres soa “Love Me Do”, dos Beatles, vai ao garaxe na procura de Morte; a terceira, cando o poeta Ted Hudges enfronta a dimensión dramática da herdanza enorme que a súa muller lle lega trala súa morte en 1963, montes e moreas de poemas nos que latexa unha vontade inequívoca de ser quen de escribir o poema perfecto; a segunda que serve para presentar un dos temas centrais da peza, a necesidade de vehicular un torrente de experiencias e vivencias a través dunha forma poética nova, pero utilizando igualmente palabras e imaxes novas, lonxe do canon e de vellas formulas académicas. Velaí a proposta de Anne de comezar un exercicio, pedido por Lowell no curso ao que asisten, a partir da palabra “cinseiro”, unha tónica en toda a súa carreira, como mostra o poema titulado “For John, who begs me not to enquire further”. Outro dos temas centrais vai ser a finalidade da poesía, que no caso de Plath se vive como amor incondicional por unha beleza que sabe imposible, e no de Sexton como unha vía de escape fronte a unha tolemia provocada por un mundo no que non atopa acomodo. As dúas ansiando o verso “irrefutable, implacable, desmedido, excesivo”, que Plath tanto admiraba en Ezra Pound, segundo escribe nos seus diarios

En 1971 Don MacLean presentaba “Vincent”, canción homenaxe a Van Gogh na que lembraba que o mundo en que lle tocara vivir non era o máis axeitado para unha persoa tan excepcional coma el. Buscar un camiño propio, lonxe das sendas establecidas pola academia, foi a causa de que tantas creadoras gañasen a condición de malditas e levasen unha vida marcada pola precariedade, a incomprensión e a marxinación. Así o deixou escrito Paul Verlaine en Les Poètes maudits(1884), onde recrea a vida de seis creadores entre os que figura Marceline Desbordes-Valmore (1786-1859), actriz e poeta, unha precursora. Benditas mulleres, por abrir tantos camiños na vida e na arte.

Anne e Sylvia

Hai textos que teñen a poderosa virtude de iluminar aspectos especialmente transcendentais da peripecia e da condición humana. Este que acabamos de ler serve, cando menos, para realizar una viaxe arredor do que foi a renovación da poesía norteamericana a mediados do século XX, cando aparecen voces como as de John Berryman ou Allen Ginsberg. Tamén acerta a mostrar as vicisitudes da voz feminina nun mundo adverso, pois en moitas ocasións os discursos máis progresistas acaban por manter as marcas dun androcentrismo case xenético, como se ilustra na creación do colectivo teatral británico Monstrous Regiment, cando as mulleres foxen dunha escena dominada polos homes para montar a súa propia. Loitas aínda por gañar.

Serve igualmente para analizar similitudes e diferenzas na formulación de dúas poéticas ben diferentes pero animadas por un mesmo desexo, a necesidade de afirmarse na creación e na procura dun estilo propio, marcado por esa vocación confesional que as converte en precursoras evidentes de formas escénicas contemporáneas nas que a expresión dun EU sen caretas colle especial relevancia, como acontece con Yoko Ono, con Marina Abramovic, con Angélica Lidell. Finalmente, as relacións entre Ted Hudges e Sylvia Plath, sendo poetas, invitan a indagacións de moi diverso tipo, desde as puramente literarias ás máis biográficas. Simbiose, convivencia, ou depredación? Aquí en Galicia, hai casos, e entre eles o de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Quizais unha das mellores virtudes de textos coma este é que despois da lectura a cabeza non para, pois son invitacións abertas a novas lecturas, experiencias e coñecemento.

No hay comentarios: