maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


miércoles, 5 de julio de 2017

Martes de entroido no Centro Dramático Galego

Martes de Carnaval? 

no Centro Dramático Galego

Esperpento chocalleiro

Manuel F. Vieites


Na imaxe, Caretos de Podence, Portugal

En Introducción al pensamiento complejo (1996), Edgar Morin, na súa proposta dun paradigma científico capaz de enfrontar a complexidade e a configuración sistémica da realidade, explicaba que non só o obxecto debe serlle acaído á ciencia senón que a ciencia debe ser acaída ao obxecto que estuda. Ese principio básico en epistemoloxía tamén se pode aplicar á creación escénica, pois se o texto ou pretexto debe serlle acaído á directora de escena, tamén a directora de escena debe ser acaída ao texto ou pretexto. E entre estes dous últimos conceptos, básicos na ciencia teatral, hai unha gran diferenza.

Hai directoras especialmente habilidosas para tomar como pretexto O Incal de Moebius e Jodorowsky e facer del un espectáculo máxico, mesmo psicomáxico ou  psicotrópico. Con autores coma William Shakespeare, Harold Pinter ou Ramón María del Valle Inclán a cousa cambia, pois ao poder inmenso das imaxes (coma ese travelling fantástico que inicia Águila de blasón), hai que sumar o poder aínda maior das palabras, que en don Ramón (coma en Otero Pedrayo) teñen un valor taumatúrxico, constrúen realidades, mundos e universos, pero tamén serven para facer cousas cos demais, como explicara J. L. Austin en How to Do Things with Words (1962), pois as palabras son primeiro que nada interacción. Non hai tantos anos que viamos como un coñecido director catalán convertía Ricardo III en Ricardo o do terceiro, un mal arremedo de calquera dos capítulos da serie La que se avecina. Deconstrución baleira, insulsa.

Hai ademais a teima de actualizar os clásicos, como se fose estritamente necesario que a acción transcorra no momento actual, cos referentes actuais, como se os espectadores non fosen quen de viaxar a outros tempos. En ocasións os resultados son magníficos como acontecía con El sueño de una noche de verano de Ur Teatro, con dirección de Helena Pimenta. Pero para facelo así son necesarios conceptos tan importantes como dramaturxia, significación, composición, recepción, dirección…, amais dun delongado proceso de esexese e hermenéutica textual. Conceptos que remiten a disciplinas que cómpre coñecer e non intuír. Claro que nos tempos da posverdade e da posciencia, o coñecemento é algo prescindible e así pasa o que pasa.

Este espectáculo do Centro Dramático Galego, con dirección de Marta Pazos, no que se intúen dous textos de Valle, As galas do defunto e A filla do capitán, parte de dúas ideas motrices. No primeiro prevalece a visión dun espectáculo en clave de concerto, idea desenvolvida por grupos tal que Tuxedomoon, Devo ou The Residentes, en que a interpretación musical se converte en presentación escénica, pois na escena tamén hai creadores que executan as máis diversas accións. Sobre eses presupostos construíron La Fura dels Baus un dos seus mellores espectáculos, Accions (1984), que combinaba momentos de indicible dureza con outros de extrema tenrura e sempre acompañados dunha poderosa banda sonora, moi debedora dos experimentos de Throbbing Gristle, pero non por iso menos relevante. Comezos da cleptomanía escénica, que tamén se chama colaxe.

O segundo parte da idea do “tableau vivant”, coa que tanto traballaran as vangardas históricas e as actuais. Do texto derivan tres ou catro imaxes coas que se configuran as situacións base que conforman o núcleo do espectáculo, e todo o demais son transicións, apoiadas en elementos plásticos e sonoros. De feito a imaxe coa que remata As galas do defunto xa anticipa o modelo de composición de A filla do capitán, onde certamente hai algúns exercicios de composición meritorios como a escena da partida de cartas ou a do café. O problema con Valle é que a textura da súa obra é dunha complexidade extrema, e no caso do titulado A filla do capitán, estamos ante unha peza na que anticipa o que vai ser a nova obxectividade ou o teatro épico, que se manifesta na obra inmensa de Georg Grosz ou Bertolt Brecht, cun uso moi axeitado do que este último denominará “gestus”, para mostrar como a realidade se constrúe socialmente mediante o conflito de forzas en pugna pola dominación e a hexemonía.

E quedamos sen oír a Valle en galego, pois o texto nin se oía nin se entendía as máis das veces. Magoa. Don Ramón María del Valle-Inclán merecía e merece moito máis que un simple arremedo de plástica escénica. Teatro PoP.


E o público?

Karl Popper en Conjeturas y refutaciones (1983) pedía aos investigadores que asumisen os riscos que fosen precisos na formulación de hipóteses e teorías, para despois sometelas a un proceso permanente de falsación, pois é así como avanza a ciencia. Dado que na escenificación dun texto sempre se traballa con variables, como ben explicou Xavier Fábregas en Introducció al llenguatge teatral (1973), sempre se parte dun xogo permanente entre variables dependentes e variables independentes, polo que a creación escénica nunca deixa de ser un experimento. Entón, se decidimos que Hamlet é vixiante nas praias de Samil, hai que axustar todo o demais (ou non). Por iso é tan difícil xogar aos experimentos con Valle ou Pinter.


Pois ben, no caso do teatro o responsable dese proceso de falsación adoita ser o público, pois agás en casos de pura anomía artística, os espectáculos teatrais tentan establecer un diálogo co espectador, ese ao que as xentes de teatro urxen, e con razón, para que vaian ver os seus traballos. Por iso, hai xa bastantes anos, Jose Sanchis Sinisterra insistía na necesidade de que cada espectáculo construíse con precisión a dramaturxia da súa recepción, en especial cando se procuran efectos non habituais, coma no caso de Richard Foreman. Cando iso non acontece a persoa que vén comigo ao teatro insiste en xogar ao Lucas, mentres percibo nela os efectos demoledores do paradoxo de Barthes. Pero diso falaremos outro día, porque, certamente, habería que analizar de qué falamos ao falar de esperpento en relación a este Martes de Carnaval. Grazas Tito, pola cordura e a valentía.

No hay comentarios: