maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


domingo, 4 de junio de 2017

Lembrando a Vsévolod Meyerhold

Vsévolod Meyerhold

A revolución na escena

Manuel F. Vieites

Desde o Faro da Cultura de Faro de Vigo

Vai para cen anos que en Europa se vive un interesante e pacífico confronto entre dúas tendencias artísticas, filosóficas e mesmo ideolóxicas, que en boa medida van marcar o desenvolvemento da escena no século XX e moi especialmente nestes primeiros anos do XXI. Dunha banda estaba un amplo grupo de artistas e paseantes varios que, sendo en esencia futuristas ou dadaístas, propoñían DES-teatralizar o teatro, con propostas que son o xermolo sobre o que se constrúe o movemento da acción ou da presentación escénica (happening ou performance en inglés) e todo o teatro posmoderno actual, con todas as súas variantes. Un movemento que asenta o seu discurso no esgotamento do teatro como forma artística, e que nunha reviravolta realmente rechamante acaba por propoñer formas de espectáculo coma o simposio grego ou a parola galega, que tanto éxito tivo no primeiro cuartel do século XIX, como ben explicou Ricardo Carballo Calero ao recoller decenas de conversas ou parrafeos nos que un par de labregos falaban das cousas da vida. En breve, mariscada/churrasco escénico.

Da outra banda atopamos outro grupo non menos amplo de creadores, que buscan RE-teatralizar o teatro, é dicir, explorar a teatralidade e as súas formas, e con el chegan algunhas das máis importantes luminarias que deu o teatro no século XX, desde Bertolt Brecht a Jerzy Grotowsy, de Joan Littlewood a Eugenio Barba, de Ariane Mnouchkine a Peter Brook, ou Erwin Piscator, outro precursor fundamental. Grandes mestras e mestres que mostraron as posibilidades que ofrece unha exploración rigorosa do concepto de teatralidade, que aínda mantén o seu pulo en tantos e tantos escenarios do mundo. Un bo exemplo témolo no Royal Court Theatre de Londres que leva máis de setenta anos apostando pola experimentación e a vangarda máis radical sen deixar de apostar polo teatro como forma escénica,  ou polo vello concepto de peza dramática.

Entre esas luminarias non podemos esquecer a Vsévolod Emílievich Meyerhold, que inicia a súa andaina teatral como alumno de arte dramática en Moscova e discípulo de Vladímir Ivanovitch Niemiróvitch-Dantchenco, e despois como actor e colaborador de Constantin Sergeievich Alexeiev "Stanislavski", no Teatro de Arte de Moscova (TAM). Meyerhold abandona o TAM en 1907 para iniciar unha aventura marcada pola procura de novas formas de facer na escena, de maneiras de crear no teatro, entendendo que no acto mesmo da creación tamén tiña que participar o público, ao que define como cuarto creador, poñendo así os primeiros piares do que bastantes anos despois de vai coñecer como Estética da recepción, que ten en Roman Ingarden outro dos seus pioneiros. Na práctica, aquilo tamén supoñía romper o ilusionismo escénico que tanto exploraran os seus mestres do TAM, e camiñar cara ao que el mesmo definiu como teatro da convención consciente, que o levará polos vieiros do que se denominou construtivismo social e que ten en Lev Vygotsky un dos seus primeiros defensores, en textos aínda hoxe fundamentais como Psicoloxía da Arte.

Mais todo iso tamén implicaba superar o vello paradigma interpretativo asentado en métodos indutivos, e formular e desenvolver un novo paradigma asentado en métodos dedutivos, e como consecuencia o abandono da construción do personaxe desde a psicoloxía en favor doutras ferramentas, como a biomecánica, a comedia da arte, as implicacións do xogo, ou as formas de facer do teatro isabelino, tan pouco abeirado ao concepto de ilusión escénica. As súas teorías sobre a escenificación foron desenvolvéndose en espectáculos coma Misterio bufo, cun texto de Vladimir Mayakovski, ou O cornudo magnífico, sobre un texto de Fernand Crommelynck, mostrando sempre o funcionamento da fábrica escénica, na súa convención, destacando o feito de ser o teatro unha construción artificial na que actores, actrices e espectadores constrúen sentidos de forma simultánea, nese momento central en que a platea e o palco se confrontan. Foi un dos maiores impulsores do Outubro teatral, do que falaremos en chegando Outono.

Ostranénie

Para as persoas que estudaron filoloxía o movemento do Formalismo Ruso contén un bo número de patróns e padroeiros das ciencias da linguaxe e da literatura, mesmo da cultura, pois formularon teorías e construíron conceptos que van ser apropiados desde outros campos, ciencias e disciplinas, tamén as artísticas e teatrais. Ese é o caso do concepto de Verfremdungseffekt ou efecto de estrañamento ou distanciamento, que formula Bertolt Brecht, e que ten as súas orixes nas propostas de Boris Eikhenbaum ou Víktor Shklovski en torno á idea da obra de arte como artificio formal, que cabe reconstruír e deconstruír a partir dos elementos que configuran. Moitos dos que estudamos filoloxía nos anos setenta aínda gardamos a memoria do libro magnífico de Victor Erlich, El formalismo ruso, editado por Seix Barral en 1974, que explica por extenso todo iso.


O que Meyerhold propoñía co seu construtivismo escénico non era máis que mostrar o carácter formal e artificial da composición escénica, o proceso mesmo da súa fabricación e as costuras e remendos na súa estrutura. Por iso se pode considerar como un dos primeiros en aplicar na escena unha manchea de teorías e propostas que os formalistas de Moscova, San Petersburgo ou Vítebsk, facían públicas en revistas, manifestos, mostras, e mesmo en espectáculos nos que mesturaban as artes todas.  Sirva a presente tamén para lembrar unha das máis importantes xeracións de lingüistas, filólogos e teóricos e historiadores da literatura e da cultura. Nada tería sido o que foi sen as súas achegas.

No hay comentarios: