maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


martes, 11 de abril de 2017

Lembrando a Dorotea Bárcena na ESAD de Galicia. Un encontro co futuro

Dorotea Bárcena

Icona do teatro noso

Manuel F. Vieites


Coincidindo coa festa do Día Mundial do Teatro, o pasado 27 de marzo tivo lugar na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un acto en lembranza de Dorotea Bárcena, quen foi mestra, actriz, directora de escena, empresaria teatral e autora dramática. Un acto emotivo e sinxelo no que participaron María Xosé Porteiro, Laura Ponte e Mariana Carballal, tres mulleres que nalgún momento da súa existencia foron parte moi importante da mesma, como tamén o fora durante un tempo Cruz González Comesaña, actriz de Vigo igualmente, que nos deixou en 1989. Tres compañeiras e amigas que en dúas horas escasas debullaron aspectos substantivos da historia persoal e artística de Adoración Sánchez Bárcena, nada en Oviedo en 1944. A súa traxectoria na escena serve par analizar polo miúdo o desenvolvemento do teatro galego nestes últimos sesenta anos, desde aquela altura, a mediados dos sesenta, en que un fato de mozas e mozos en toda España quixo facer teatro dunha forma diferente, pero tamén facer do teatro profesión, nun primeiro momento como compromiso cívico e político, e nun segundo momento como medio de vida, no sentido máis amplo da palabra.
Dori, así chamada polas amigas e amigos, comezou a facer teatro no Hogar Social de Vigo, nunha cidade onde a finais dos anos sesenta comezaban a agromar iniciativas coma o Teatro Popular Galego ou o Teatro Popular Cope, sen esquecer a máis veterana formación do Teatro de Cámara da Asociación da Prensa. Durante  un tempo compaxinou o seu traballo de mestra no Colexio dos Padres Xesuítas cunha vida teatral moi activa e comprometida, tanto que en 1970 promove a creación da compañía Esperpento Teatro Joven, que inicia a súa peripecia escénica no coñecido como Mesón de Pepe, no Calvario, onde xa temos unha sorte de andaina inicial no microteatro de hoxe. Un dos primeiros traballos daquel grupo será o espectáculo Las bicicletas, a partir dun texto magnífico dun autor especialmente relevante naqueles tempos, Antonio Martínez Ballesteros, que ela dirixe en 1972. Desa maneira Esperpento marcaba a súa posición en relación a un dos conflitos máis substantivos da época: a loita contra a ditadura e polas liberdades.
Aquel grupo de teatro, Esperpento, promoveu unha das iniciativas  culturais máis notables dos primeiros setenta, como foi a posta en marcha das Jornadas de Teatro de Vigo, que subían o pano en 1972 e que durante uns poucos anos permitiu traer á cidade espectáculos de compañías tan importantes como Aquelarre, Caterva, Els Comediants, Esperpento (Sevilla), Ditirambo, Els Joglars, Els Joglars, Gangarilla, Teatro de la Ribera, o Pequeño Teatro de Valencia, pero tamén as voces de Xavier Fábregas, Pepe Monleón, José Luis Gómez, Miguel Bilbatúa ou Lauro Olmo. Malia que os sectores nacionalistas non dubidaron en considerar as Jornadas un acto de colonialismo cultural, a presenza en Vigo de todos aqueles grupos, que representaban o mellor do teatro independente español, tamén contribuíu, aínda que nunca se queira recoñecer, na construcción unha escena galega que infelizmente carecía doutros referentes propios que non fosen o vello teatro rexionalista ou as farsas das festas cíclicas, coma as do Entroido.  Poucos anos despois, na cidade de Porto comezaba o Festival de Teatro de Expresión Ibérica (FITEI), que nacía con idénticos presupostos: apoiar o diálogo cultural e promover a renovación da escena.
Entre 1974 e 1978, e desde Madrid, participa na creación da compañía La Picota, coa que realiza traballos de dirección e interpretación, nun colectivo co que promove espectáculos como La Orgía, Retrato de dama pudriéndose ou El señor Galíndez, traballos moi notables creados con textos de Enrique Buenaventura, Luis Riaza e Eduardo Paulovsky, respectivamente. Volvería a Galicia en 1978, para crear as compañías Teatro da Mari-Gaila, Teatro do Atlántico, e, finalmente, Teatro da Lúa, co que desenvolve plenamente a súa autoría dramática, con textos tan importantes como Mullieribus ou Sigrid era só una boneca rota. Unha vida plenamente dedicada ao teatro, unha peripecia artística aínda por reconstruír e describir. Por iso Dorotea Bárcena é unha icona do teatro noso, aínda por anosar.  
As tres Erres
Respecto, recoñecemento e reparación. Velaí tres liñas de traballo cada vez máis necesarias, en tempos nos que o pasado semella algo ao que xa non paga a pena prestar atención, moi doado de ignorar, cando non de falsear. Nestes días pasados unha parte das xentes de teatro de Madrid asistía atónito a un acto deplorable. No centro cultural coñecido como Las Naves del Matadero, alguén decidiu retirar a placa que daba nome a unha das salas, e con esa placa desaparecía o nome de Max Aub, autor de una importante obra literaria, na que destacan numerosos títulos dramáticos. Unha acción que un sector da posmodernidade madrileña (e mesmo galega) consideraba como unha necesaria ruptura coas estruturas canónicas anquilosadas que deturpan a creatividade dos creadores novos e que mesmo son a causa do seu exilio artístico: Rodrigo García, Angélica Lidell, La Ribot... Afortunadamente ningunha desas luminarias, que o son para gozo dunha nova burguesía que devora entolecida as súas supostas imposturas, tivo que sufrir a brutal peripecia vital de Max. Por iso invocamos o necesario respecto.

Dori tamén merece ese acto asentado nesas tres erres, pois en 1977 sufriu un fatídico accidente de automóbil que afectou gravemente a súa existencia, porque a vida nese día negro, torcéuselle para sempre. A nós corresponde enderezala un pouco, sequera sexa por respecto, e por iso non queremos deixar de lembrar que a cidade de Vigo aínda lle debe a Dori un acto de recoñecemento, que da reparación, cando menos da artística, somos outros os que nos debemos ocupar.