maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


sábado, 19 de marzo de 2016

O Gaias como "ready-made". A cidade da cultura como "objet trouvé". A posmodernidade como despilfarro. A moda da estulticia xeneralizada















Plásticos, Posmodernos, POPulares

Estadas for ever

Manuel F. Vieites

Unha exclusiva de Faro da Cultura


Malia que non se saiba, ou non se diga, todas as tendencias escénicas que veñen formulando a fin do teatro e da danza, e a emerxencia de novas formas, como a arte da acción ou a arte da presentación escénica, aparecen contra primeiros do século XX, coas ideacións, lúcidas ou lúdicas segundo os casos, dos futuristas italianos, dos dadaístas centroeuropeos, dos futuristas rusos. Velaí traballos coma Le Basi (1913) ou Vengono (1915) de Marinetti, primeiras accións escénicas que terán continuidade nos traballos de Enrico Prampolini, Fortunato Depero, Giacomo Balla, Nikolai Foregger ou Luigi Russolo. Con eles, con creadores únicos coma Kurt Schwitters ou Oskar Schlemer arrancaba a posmodernidade na arte, unha efervescencia que Marcel Janko soubo retratar nun lenzo seu de 1916 titulado Cabaret Voltaire: fragmentación, simultaneidade, deconstrución, mestura… Mentres se promovía con forza ese movemento de desteatralización, outros creadores coma Fuchs, Meyerhold, Vakhtangov, Piscator ou Copeau apostarían pola reteatralización, por asentar as esencias da teatralidade, por renovala.

Nesta loita permanente e soterrada por afirmar ou pórlle fin á arte teatral, tiveron un rol importante un grupo de creadores que, procedentes moitas das veces das artes plásticas, tentaron desprazar o vello espectáculo teatral para situar no eixe central da escena a instalación, a ensamblaxe, ou a colaxe, botando man dos máis variados recursos e desterrando aos axentes habituais do espectáculo, substituídos por persoas con ansías enormes de facer cousas, mesmo que non soubesen moi ben o que facer, como acontecía nas accións escénicas de Allan Kaprov. No seu libro Exhausting Dance (2006) o profesor André Lepecki explica moi ben os principios e consecuencias de todo ese movemento: para facer teatro, para facer danza, xa non hai que saber interpretar ou bailar, só hai que querer, pois o importante é a intención, e sobre todo, o concepto, esa palabra máxica na que se asenta o que se ten denominado arte conceptual, manifestación que, en última instancia, traslada ao espectador toda a responsabilidade en relación ao obxecto artístico. A crítica normalmente axeonllouse ante estas manifestacións, incapaz de exercer o seu labor “crítico” de forma contundente. Malia a banalización absoluta da arte dos primeiros artistas POP.

Unha das obras fundamentais nese movemento que pon en cuestión o concepto mesmo de arte, e que na fin vén proclamar ese principio posmoderno do “todo vale se a ti che vale”, vai ser Marcel Duchamp, coas súas coñecidas montaxes Roue de bicyclette (1913) ou Fontaine (1917), cos que se inicia a xeira dos “obxectos encontrados”, trebellos e cousas, aos que o artista, coa súa capacidade de demiúrgo, sitúa na esfera pública. Unha situación que revolucionou os cadros de persoal de museos e galerías, pois agora para traballar en moitos deles xa esixen un doutorado en artes da acción, para evitar que cabichas, cinseiros e botellas de cervexa, acaben na bolsa do lixo. No campo escénico o obxecto encontrado ten o seu parangón na “ocorrencia”, que as máis das veces devén en trapallada.  


unha fermosa pega reboldana, gaia, ou real


Vendo a forte pegada desas novas tendencias, ao mellor conviña chamar un deses notables artistas da mirada conceptual e performativa (Wilfredo Pietro, por favor), para converter en obxecto artístico esa acción / presentación escénica que se vén desenvolvendo en Galicia nos últimos anos con notable rigor e precisión, e cunha non menos notable heteroxeneidade formal. Falamos da permanente embalaxe e desembalaxe de obxectos que ten lugar na Cidade da Cultura, nesa magnífica instalación de estadas, que, cos parámetros da arte da acción, debería figurar entre os feitos artísticos sobresaíntes do país. Non vaia ser que esteamos diante da pega gaia dos ovos de ouro. Galicia é espectáculo.


O valor de cambio

Foi unha verdadeira magoa que o pasado Festival Escenas do Cambio, non incluíse no seu programa esta instalación en progreso e proceso, que nós denominamos Estadas for ever ou mesmo DeconstruAcción, pois seguindo os presupostos do grupo Fluxus, estamos ante un verdadeiro evento, dunha tal complexidade que permite liberar de forma exponencial a capacidade do observador para darlle sentido a todo o que alí acontece. Mesmo cabería repensar o coñecido test de Hermnan Rorschach de 1921 para imaxinar un novo paquete de imaxes que sen dúbida permitiría que científicos de todo o mundo dedicaran interesantes investigacións a descifrar o fenómeno: que é o que a xente ve cando ve o que ve no monte da pegas gaias, ou reboldanas? As estadas, vaia.


Ora ben todas estas formas de acción, que serán ou non arte segundo o que cada quen decida, non deixan de formular e tentar dar resposta a preguntas dunha profundidade inaudita: que se fai cando nada hai que facer?, que se di cando nada hai que dicir?, que pasa cando non pasa nada? Claro que alguén pensará nunha coñecida cantiga de Pata Negra, o grupo magnífico de blues de Rafael e Raimundo Amador, pois que pasa a vida, e hai moita xente malvivindo en todo o país. Moita miseria (por veces moral) nesta arte / cultura, suposta e sen conciencia.

domingo, 6 de marzo de 2016

El perfecto imbécil latinoamericano y la prensa rosa

Se molesta Vargitas con la cuestión de la prensa rosa y no se percata el pobre que su actual media naranja durante mucho tiempo fue una asidua de esas páginas, una verdadera animadora de la misma, de la rosa rosa rosa.

Pobre Vargitas, acabar así...

Lo mismo le pasa a Andrea Levy en su encuentro con el gran mandril. Si, el gran mandril, el que exhibe sus partes pudendas como mejor entiende.

Y todavía les aguantamos.

José Luis Rodríguez Zapatero e Pedro Sánchez culpables de provocar un terremoto na Antartida de consecuencias nefastas para Australia, Chile, Surafrica e Arxentina. O planeta ao borde do colapso, mentres a Lúa abandona a súa órbita camiño de Marte

Caciques da prensa que ladran e minten, pois avanzamos

Contra a manipulación e a mentira

Nós tamén temos VOZ, usemos a nosa VOZ, fagamos oír a nosa VOZ

Hai tempo, moito tempo, que un xornal editado na cidade da Coruña vén alertando sobre os moitos perigos que padeceriamos se nalgún momento en España ou en Galicia deixase de gobernar o Partido Popular. Ese xornal mesmo ten a soldo varios editorialistas que un día si e ao outro tamén nos intentan facer crer que Zapatero e agora Sánchez son a fonte e a causa de todos os males que padecemos, e curiosamnete nada din dun partido asediado por unha corrupción endémica. As súas razóns terán.

Lendo os panfletos deses editorialistas mesmo cabería pensar que ao mellor pagaba poñelos a eles a gobernar pois semellan ter a solución para todo. Pero o problema radica en que algún deles ten moito que agochar, e fai canto pode por agochar o que algunhas persoas saben, e outro hai que xa no seu día foi condenado por prevaricación e anos despois declaraba o seu amor incombustible polo presidente do Partido Popular, pois era un fillo pródigo que volvía, mal que lle pese a Xosé Manuel Beiras polo que ben se sabe. Doutros mellor non falar.

Afortunadamente cada día son máis as persoas que xa non len ese xornal editado na Coruña, e mesmo botándolle un ollo, pasan por riba dos panfletos deses malos escribidores, pois tamén é certo que nese xornal aínda escriben algunhas persoas que teñen cousas que dicir. Unha boa maneira de limpar un pouco a cara, de evitar que ese periódico editado na Coruña non acabe por parecerse ao Arriba, aquel xornal editado en Madrid polo réxime franquista e polo movemento nacional franquista, aínda que sempre actuou como unha sucursal do mesmo. Os que teñen certa idade aínda poden lembrar o que se escribía nese xornal hai anos.

Ladran e ladran moito, todos os días e a todas horas. Pois que ladran avanzamos. Podemos e queremos que en Galicia sopren os ventos da democracia para limpar esta terra de caciques, tamén dos caciques da prensa e das letras, que os hai, e moitos.

Para todas esas persoas que se asoman a este blog, unhas verbas de esperanza. Venceremos, pois cada día é máis necesaria unha transición de verdade á democracia. Ánimo e a loitar, contra toda forma de caciquismo, contra a manipulación, contra as mentiras. 

Pan! Pan! Pan de teatro con A Panadaría













Un teatro necesario

A panadería

Manuel Francisco Vieites


O teatro é un feito sociocultural e artístico multiforme, variado, heteroxéneo, e por iso mesmo os seus rexistros, estilos e xéneros adoitan ser igualmente diversos e mesmo dispares. O teatro pode chegar a ser tan dispar como o poida ser o mesmo público, especialmente naqueles países en que as artes escénicas forman parte do imaxinario máis inmediato da cidadanía. E por iso, como ben sinalaba o profesor Juan Villegas no seu magnifico estudo Para un modelo de historia del teatro (1997), na escena conviven e loitan diferentes discursos, pero todos necesarios.
 
No seu tratado máis coñecido e citado, The Empty Space (1968), Peter Brook falaba de diferentes paradigmas no facer teatral e mostraba catro grandes categorías (teatro mortal, sagrado, rudo, e inmediato), que naquela altura servían para analizar un estado de cousas en que os discursos dominantes e hexemónicos comezaban a ser contestados polos discursos renovadores dun teatro que se proclamaba independente e vangardista, e que asomaban con forza en festivais de teatro tan importantes coma os de Nancy ou de Vigo, naquelas “Jornadas de Teatro” dos primeiros setenta polas que pasaron grupos tan importantes como TEI, Esperpento, Comediants, Caterva, Joglars, Ditirambo, Aquelarre ou Teatro de la Rivera.
 
As categorías de Brook servían para o que servían naquela altura, pero o tempo fixo que moitos dos teatros proclamados sagrados acabasen por tornarse rudos ou mortais, certamente prescindibles, e por iso na liña transversal do seu discurso o mestre inglés non deixaba en ningún momento de recoñecer que en realidade en cada circunstancia sociocultural cómpre un teatro que sexa necesario aos seus usuarios e ao propio teatro en tanto manifestación artística, polo que cabo dese teatro pertinente habería que falar de xéneros e estilos diversos para públicos moi diferentes e mesmo diverxentes.
 
A Panadería é unha compañía galega de teatro integrada por tres mulleres, Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman, que desde 2013 veñen recorrendo os escenarios de Galicia, e recollendo premios, cun espectáculo, Pan! Pan!, que serve para  reconciliar unha vez máis ao público co teatro, para que o público entenda que hai moitas formas de facer teatro e que todas son plausibles sempre que se parta dunha premisa fundamental: a intelixencia do espectador. E no título proposto, Pan! Pan!, non deixa de haber una certa polisemia, pois en efecto o “pan” pode facer referencia ao son da arma dun pistoleiro, pero tamén ao proceso de alimentar os teatros con traballos elaborados con rigor, con cariño, e con xenerosidade, para regalía do público alí convocado.
 
O espectáculo na súa concepción parte dun xogo permanente con aquilo que permite que o teatro sosteña a convención na que se asenta: o famoso “como se” sobre o que escribiron mentes tan privilexiadas como Constantino Stanislavski ou Gianni Rodari (Grammatica della fantasia, 1973). Un xogo permanente coa convención que permite establecer unha liña narrativa que van tecendo as tres actrices, e que lles permite recrear os diferentes personaxes, situacións e conflitos que van debullando a medida que a acción progresa. Unha maneira magnífica, pero notablemente sinxela, de mostrar en que consiste o xogo do teatro. Como escribira Jerzy Grotowski por volta de 1965, no seu coñecido manifesto “Cara un teatro pobre”, para que o teatro poida ser só se precisa dun actor e dun espectador. Todo o demais é prescindible. Pois iso mesmo é o que nos mostran e demostran estas tres actrices nun traballo interpretativo notable que conforma un espectáculo especialmente necesario na nosa escena. Un exercicio, insistimos, de intelixencia.   

A arte da parodia

A farsa e a parodia son maneiras de recrear a realidade bastante comúns no teatro galego, só que en moitas ocasións acaban por volverse contra os que se recrean nelas, pois teñen o perigo de ser unha sorte de traxe de emperador. Para parodiar unha determinada forma de bailar, é moito mellor saber bailar, porque de non ser así, a paradia acaba sendo unha simple trapallada, unha outra cousa máis propia de trapalleiros. A trapallada é todo un xénero, que a posmodernidade transformou en vangarda.

Pan! Pan! defínese como parodia dos westerns americanos, pero a tal parodia non se constrúe coas ocorrencias orais que se poidan ir fiando, senón cun traballo moi acertado con todos os elementos de significación cos que se pode construír un personaxe, unha situación, un conflito, unha acción, un espectáculo; con esa capacidade para replicar feitos e condutas, para replicar unha motricidade fina e relevante. Unha mostra pertinente de que a parodia é moito máis que unha ocorrencia afortunada, de que o teatro é unha arte que hai que aprender, que non xorde da indolencia preguiceira dos ocorrentes.