maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


sábado, 4 de julio de 2015

Crise no Centro Dramático Galego. Recuperen o IGAEM, por favor!!!


Crise no Centro Dramático Galego

Para ir alén da remuda

Manuel Francisco Vieites


A dimisión de Manuel Guede Oliva como director do Centro Dramático Galego debería ser una boa oportunidade para que os axentes do campo das artes escénicas se desen tempos e espazos para reflexionar arredor do futuro dun sector que noutros países configura un polo estratéxico na creación e na difusión cultural. Unha reflexión na que necesariamente se deberían implicar as administracións local, autonómica e estatal para pórlle fin a un ciclo de derruba sistemática do que nin sequera chegou a ser sistema. España, Galicia, Vigo…, en materia teatral son anomalías en Europa.

As crises nas institucións coma o CDG poden deberse a unha xestión insuficiente das persoas, e algunha houbo con esa deriva, mais nesta ocasión o caso é outro. A crise do CDG é debida a unha falta endémica de autonomía que o acompaña desde a súa creación. Coma noutros moitos países europeos o Centro Dramático Galego debería ter un estatuto específico que garantise o seu funcionamento como un centro de creación e difusión artística, e non como unha axencia de colocación. Unha autonomía que en ningún caso e incompatible coa supervisión, a transparencia e o rendemento de contas, máis ben ao contrario. O National Theatre de Inglaterra podería ser un bo exemplo a seguir, tamén no que fai referencia ás liñas de traballo e aos repertorios. Por fortuna non hai nada que inventar, tan só saber transferir e adaptar experiencias e modelos.

Un dos maiores erros que se teñen cometido na organización da administración e da xestión cultural en Galicia foi a eliminación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Os xestores da Consellería de Cultura en 2005 e 2006, debedores intelectuais dunha Cataluña que se quería reflectir no Quebec, e descoñecendo as dinámicas dos diferentes campos culturais, pensaron que coa Axencia Galega das Industrias Culturais se acabarían todos os males. Cometeron o grave erro de pensar que todo era industria, esquecendo, ou seguramente sen saber, que as artes escénicas e musicais nada teñen de industriais, a diferenza da edición, da produción audiovisual ou da fonografía. Seguramente a AGADIC fose necesaria no eido do que tamén chaman industrias creativas (como se na enxeñaría non houbese creatividade), pero igualmente necesario era o IGAEM, pois co seu desenvolvemento institucional seguramente se podería garantir a plena autonomía do Centro Dramático Galego, do Centro Coreográfico Galego, ou do Centro de Documentación Teatral, que desapareceu sen deixar pegada entre 2007 e 2008 malia que a Conselleira de Cultura (Ánxela Bugallo) e o seu Director Xeral (Luís Bará) recibisen interesantes propostas para o seu desenvolvemento. Nada que ver co teatro e coas artes escénicas.

Malia que entre 2005 e 2008 as artes escénicas en Galicia viviron un pulo notable, debido ao que se viviu como bonanza económica sendo máis ben apoteose do ladrillo, as estruturas da creación e da difusión cultural non viviron unha transformación acorde coa necesidade de pórlle fin a un ciclo de anémica dependencia que padecen as artes escénicas nun país onde os teatros están pechados para os creadores, que os deberían encher de vida e sentido. Cambia a cor dos gobernos pero en materia teatral todo segue igual, mais non por un pacto que sitúe o campo fóra do debate político, como acontece en Alemaña, senón porque as políticas de uns e outros son as mesmas: un cativo mecenado institucional insuficiente para o desenvolvemento pleno do sector. 

A crise do Centro Dramático Galego, debida a un marco de funcionamento totalmente inadecuado para unha institución de creación artística, é un indicio poderoso de todo o que queda por facer. E non son tempos de remuda, é hora de converxer con Europa. Vaia revolución!

Bilingüe

Vaise Manuel Guede do Centro Dramático Galego deixando armado un poderoso artefacto na que foi unha das súas teimas permanentes: afondar nas relacións entre Galicia e Portugal, proxecto no que contou con aliados varios, desde José Martíns, director noutrora do Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, ou con Rui Madeira, director aínda da Companhia de Teatro de Braga. Un artefacto ideado coa complicidade de João Mota, fundador en 1972 da compañía A Comuna.

Pois todos eles, coa colaboración necesaria do Teatro Nacional Dona María Segunda de Lisboa, e do Teatro Nacional São João do Porto, armaron o que se coñece como Proxecto Nós, coa idea de anosar canto temos en común e proxectar canto máis aínda podemos ter, a través de liñas de traballo orientadas a crear marcos de encontro e creación para os estudantes de arte dramática das escolas oficiais de Lisboa, Porto e Vigo. E así, nas horas en que Guede anunciaba a súa partida, chegaba ao Salón Teatro de Compostela o espectáculo Bilingüe, primeiro dunha xeira en que mozas e mozos de Galicia e Portugal se van encontrar para aprender, vivir, e crear xuntos, anosándose, anosándonos. Un poderoso artefacto para facer máis Galicia e máis Europa pola senda da lusofonía. Vaise Guede pero a súa pegada permanecerá. Grazas.