maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


domingo, 29 de julio de 2012


No centenario de August Strindberg
Un dramaturgo excepcional
MF Vieites
August Strindberg naceu en Estocolmo en 1849, cidade na que tamén falecería, en 1912, no ano en que a Academia Sueca lle concedía a Gerhart Hauptmann o Premio Nobel de Literatura, galardón que o propio Strindberg desexaba, e que recibirá a escritora sueca Selma Lagerlöf en 1909. Un feito que dá conta da difícil relación que Strindberg mantivo co seu país e coa sociedade do seu tempo, ante a que mantivo unha actitude desafiante, feito que o levou a vivir en Europa, nun exilio voluntario, durante anos. Xornalista destacado e crítico acedo non refugaba a polémica e mesmo a alentaba, pero tamén era quen de escribir obras amables, como Hemsöborna (1887), a súa novela máis aclamada, na que recrea a vida cotiá nun dos arquipélagos suecos, aquel no que se atopa a illa de Kymmendö.

Strindberg é un fillo xenuíno do seu tempo, e viviu e padeceu todas as contradicións e transformacións propias dunha época convulsa, onde os valores asentados se cuestionan e onde novas forzas coma o feminismo, o socialismo, o laicismo, ou o anarquismo, irrompen nunha esfera pública chea de polémicas. No campo da literatura estivo marcada polos tránsitos: do romanticismo ao realismo, e do naturalismo ao simbolismo, ao expresionismo; modos diferentes de ver e recrear a realidade. Amais de dramaturgo e novelista, Strindberg destacou como pintor e nun dos seus lenzos, o titulado A cidade, de 1903, podemos calibrar ben esa dimensión multiforme, chea de claroscuros, da súa obra.

Pois en efecto non deixa de reflectir o que foi a súa propia vida, pero tamén a súa aventura intelectual, na que transita entre a pulsión obxectiva e naturalista inicial e unha visión máis subxectiva e atenta a canto de escuro e irracional pode haber na vida humana. Foi un declarado admirador de Nietzsche pero tamén de Emanuel Swedenborg, eminente investigador sueco que sempre se moveu entre a ciencia empírica e o ocultismo. Desa procura vital que vai de Apolo a Dionisio dá conta o seu desexo de profundar nos abismos da conciencia, conformando así unha especie de dramática dun eu doente e ferido.

Aínda que nalgún momento da súa vida declarara que o seu interese pola escrita dramática non tiña máis motivo que promover a carreira da súa primeira muller, Siri von Essen, motivo que Per Olov Enquist recreou en A noite das tríbades, o certo é que o seu interese polo drama data dos anos mozos, cando intenta estudar no Teatro Real. Vai ser na súa estadía na Universidade de Upsala onde comece a súa prolífica obra como dramaturgo e inicie a súa paixón polo pasado e polo oculto, dúas liñas de traballo que van conformar pezas tan destacadas como Mäster Olof (1872) ou Ett drömspel (1901), O soño, en galego.

Da súa paixón polo teatro dá conta o feito de que en 1907 puxese en marcha unha das súas empresas máis queridas, o denominado Intima Teater, sala de teatro que seguía a pauta dos teatros libres, independentes, íntimos ou de cámara que abrollan en Europa entre finais do XIX e comezos do XX. Estaba dirixido por August Falck, e tiña como misión a presentación de textos contemporáneos. A sala pechou en 1912 e foi recuperada nos noventa, finalizando o pasado século.

A señorita Xulia
O título desta peza de Strindberg, unha das máis aclamadas pola crítica, ben que non fose ben acollida no primeiro momento, define trazos importantes na súa escrita, sendo un deles os problemas derivados da creba da sociedade estamental, que adoita verse con admiración, polo aquel da distinción que acompaña a nobreza, pero tamén con igual xenreira a causa da diferenza que esa distinción provoca e que adoita derivar en submisión e dependencia, como sinala Xoán o criado seducido, que lembra como o primeiro conde, un labrego con terras, acadara títulos e dignidades ao prestarlle a súa muller ao rei, que estaba de paso.
Strindberg, autor de Tjänstekvinnans son, en galego O fillo da criada, parte das súas propias historias familiares para elaborar esa peza na que a filla dun conde, nunha noite de San Xoán seduce a un criado, para despois acabar suicidándose como única saída para a súa impostura, pero tamén recolle a historia certa de Emma Rudbeck, que logo de seducir a un mozo de cabalos acaba servindo nun restaurante. Retallos da realidade máus crúa, como quería Zola. Foi esta obra un dos mellores expoñentes do naturalismo, e conta cun prólogo no que Strindberg define con precisión esa corrente literaria.