maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


viernes, 16 de marzo de 2012

Noticia de novos creadores escénicos galegos, mozos e mozas



Emprender coa palabra, na escena

Mambo, amore, power

MV García

De Faro de Vigo, Faro da Cultura

Falase moito, nestes últimos meses, a respecto do emprender, e mesmo semella que esa verba, agora máxica, contivese as claves para superar a crise actual, se ben esquecen os que a tanto chegan a falar, que a crise actual non é tan só unha crise económica, senón máis ben unha crise social, pois ten unha forte dimensión ética e moral, que alcanza aos modelos de sociedade e aos modelos de ser humano. Emprender, para que?

Houbo un tempo neste país en que se falou de grandes emprendedores, e mesmo os medios de comunicación mostraban os seus logros con fachenda. Unha das liñas de traballo consistía en producir con custos moi baixos, o que implicaba, e segue implicando, a explotación dunha man de obra xa non barata senón regalada para vender a prezos reducidos. Outra das liñas de traballo veu favorecida pola expansión do ladrillo, que abriu liñas de creto para mercar coches, casas e apartamentos, xerando unha espiral de consumo que acabou por estourarnos. E seguimos falando do emprender.

Quizais deberiamos comezar a vincular o emprender coa creación e o coñecemento, pois cómpre facer emerxer novos creadores e novos emprendedores que permitan diversificar a nosa economía para facela sustentable. E por iso quizais deberiamos volver a vista sobre a palabra, esa forza máxica sobre a que construímos o pensamento e a civilización. Cabe pensar en emprendedores tan destacados coma Shakespeare, que non só prestixiou unha cultura, senón que alentan ano a ano procesos creativos que xeran riqueza e benestar? A cultura, entendida nunha dimensión máis humanista que tecnolóxica, é o maior exercicio do emprender que teña realizado o ser humano, pois grazas a ela somos todo o que somos. Por iso quizais deberiamos volver os ollos á cultura para imaxinar novas formas de emprender.

Estes mozos e mozas que nos presentan o espectáculo titulado Mambo fan da necesidade actual virtude, e con pouco máis dunha ducia de palabras constrúen unha proposta escénica vigorosa, e que, por selo, esixe do espectador unha recepción activa, dinámica, cooperativa, un exercicio de intelixencia. Así, o público pasa a ser un recurso, pois, para que o espectáculo sexa, debe tirar todo o partido posible da súa capacidade de asociación, de asignación de sentidos e significados. Da mesma maneira que o xénero musical denominado “Mambo” mobiliza o noso corpo todo, este espectáculo homónimo mobiliza as nosas neuronas. Novas formas de emprender, en todos os sentidos.

O espectáculo dá conta dunha loita polo amor e polo poder, pero tamén dá conta dunha procura por crear, por expresar e comunicar, por facer teatro cos recursos mínimos, con eses poucos recursos cos que milleiros de comediantes de todas as épocas e de tantos países percorreron os camiños e se asentaron en rúas e prazas, aínda que agora viaxen en coche, e todo o seu telderete se poida acubillar no seu maleteiro. Son os signos dos tempos, tamén, destes tempos de ruindade e miudeza, nos que a xeración mellor preparada na historia do noso teatro ten que facer de todo, con nada, mesmo sen palabras. E aínda así, hai que velos, hai que miralos. Como escribira o poeta Luis López Álvarez, e cantara Amancio Prada, “¡Cuánto a tanto se persigue, ya no es de cuerdos amar…!” E aínda así, aman, estes mozos e mozas, pois se non for por amor, a que vén facer teatro nestes tempos escuros, de derruba integral? Por amor á arte, ao país. Grazas.      

Como dixemos, con apenas 12 palabras, vaise construíndo unha historia que nos fala de amor, de sexo, de poder…, e de roles, é dicir, dos roles que esas pulsións humanas básicas pero esenciais nos invitan a xogar. Esa historia, feita con recursos mínimos, aproveita ao máximo as posibilidades da emisión vocal, o que permite xogar coa significación e co sentido, e sempre se acompaña co xogo da expresión xestual, co poder do movemento e coa presenza do espazo. Non é un espectáculo para rir, antes que nada é unha proposta para pensar e sorrir.

O teatro faise xogo, en todos os sentidos, e o teatro pasa a ser o territorio do actor, que se aseñora nel sen outros recursos que o seu corpo, a súa voz, e a súa intelixencia. Son Xoán Abreu, quen tamén dirixe, Machi Salgado, Fran Peleteiro e Antela Cid, os catro pertencentes a unha xeira nova de creadores e emprendedores que han dar días de gloria á nosa escena.

O texto é unha creación de Juan Antonio Castillo, máis coñecido anos atrás como Juan Antonio Canta, un poeta e músico integrante do grupo Pabellón Psiquiátrico que logrou un enorme impacto mediático con aquela magnífica perversión titulada “Un limón medio limón”.

No hay comentarios: