Crónica sentimental
MV García
Nada hai máis importante para o sistema cultural dun país que o teatro afeccionado, pois sobre el constrúense todos os demais, sendo todos necesarios. Percy MacKaye, un poeta e dramaturgo norteamericano, publicaba en 1912 un libro fundamental mesmo hoxe en día, o titulado The Civic Theatre, no que destacaba as moitas vantaxes dunha praxe cultural e artística que el quería poñer ao alcance de toda a cidadanía, para que todas as persoas puidesen desde o escenario expresar e comunicar. Avanzaba así o programa da democracia cultural, que tanta importancia vai ter en procesos de emancipación en todo o século vinte.
En Galicia o teatro agroma da actividade de colectivos afeccionados que unas veces utilizaban o galego e as máis o castelán, pois o teatro galego foi facendo camiño aos poucos e foi un camiño que houbo que andar e desandar en varias ocasións. Certo é que para facer a historia do teatro no país hai que considerar por igual esas dúas liñas de traballo, pois un teatro inflúe no outro e viceversa, e nos anos sesenta foron varios os grupos que comezaron a traballar en castelán para despois facelo en galego, pois non deixa de ser menos certo que facer teatro en galego naquela altura dos primeiros sesenta non gozaba precisamente do prace das autoridades civís, relixiosas e militares. Aquela frase contundente que reclamaba,“sea civilizado, hable castellano”, aínda mantiña a súa forza disuasoria.
Difusión Teatral Aficionada, ou Ditea, vai ser a denominación escollida por un grupo de persoas que en 1960 deciden en Compostela poñer en marcha unha aventura teatral que vai perdurar máis de cincuenta anos e que vai deixar unha fonda pegada na cidade e nas moitas persoas que participaron nas súas actividades. Sumábase a outras iniciativas de relevo que estaban a decorrer en Galicia. Proxectos incertos que axudaron a facer que o teatro volvese aos escenarios, como os que promoven Antonio Naveira Goday e Xosé Redondo Santos na Coruña, Rodolfo López-Veiga en Compostela ou Segundo Alvarado en Ourense, e nos que participaron un fato de mozos e mozas que ben cedo iniciarán unha xeira nova no noso teatro.
Ditea nace coa mesma vocación, a de encher os escenarios de teatro e potenciar ao mesmo tempo que moitas persoas se achegasen ao teatro, e non só como actores e actrices senón desempeñando os máis diversos oficios escénicos, pois se por algo se caracterizaba a compañía era por contar cunha estrutura propia case profesional, de xeito que podían realizar todos os traballos propios da realización e da produción: decorados, carpintería, indumentaria, maquillaxe… Tamén nace coa vocación de construír un repertorio extenso e variado, e dar a coñecer unha manchea de dramaturgos notables que van de Miguel Mihura a Alfonso Sastre. Fronte a outras propostas que se consolidaban naquela mesma altura, abeiradas ao teatro independente, a aposta de Ditea non vai ser política nin instrumental, máis ben comunitaria e teatral.
Recentemente a editorial Alvarellos publicaba un volume titulado Cuando Compostela subió el telón, co subtítulo de Crónica sentimental de la época dorada del teatro santiagués: Ditea, 1960: 1970, que recolle unha parte desa historia, enfiada segundo as pautas dunha crónica a veces sentimental a veces anecdótica, e pola que van pasando montes e moreas de persoas, algunhas ben coñecidas na radio ou na televisión. Unha crónica asinada por Alejandra Juno Rodríguez Villar, unha moza que forma parte da intrahistoria do grupo, ao ser filla de dous integrantes iniciais do grupo. Acompaña o conxunto unha coidada selección de fotografías de especial relevo polo seu valor testemuñal.
Nace esta obra dunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Santiago de Compostela na que xa se marca con claridade a pauta que o volume establece, a de facer un percorrido pola intrahistoria do grupo, adubando o relato con algunhas referencias ao acontecer teatral en Galicia e no resto do Estado. Un traballo que se vén sumar a outros varios cos que se vai construíndo esa historia do teatro en Galicia, sempre necesaria para construír tamén a historia do teatro galego. Unha homenaxe merecida a todas as persoas que fixeron Ditea e que tamén fixeron que na escena volvese renacer o teatro.
Se hai unha persoa que teña destacado na intrahistoria de Ditea, esa é Agustín Magán Blanco (1918-1998), animador, director, actor e dramaturgo, e un incesante activista cultural, cunha longa traxectoria vital a prol da escena que sería recoñecida polos profesionais do teatro galego cando en 1997 lle conceden o Premio María Casares ao Labor Teatral nunha gala memorable celebrada no Teatro Rosalía na Coruña. Como director creou espectáculos con textos de Plauto, Gil Vicente, Sean O’Casey, William Shakespeare, William Butler Yeats, Miguel de Cervantes, John Millington Synge ou Fernando Pessoa, entre outros moitos.
Menos coñecida é a súa traxectoria de dramaturgo, con textos como Mesmo semellaban bruxas (1980), Alias Pedro Madruga (1981), A lenda de Xan Bonhome (1985), ou Os rebertes (1993), co que Gañaría o Premio Álvaro Cunqueiro e que constitúe unha aceda, orixinal e valente recreación das guerras irmandiñas, e toda unha reconsideración da dimensión heroica dalgúns dos supostos pais fundadores da nación galega, coma o Mariscal Pardo de Cela. Por iso é que os seus amigos e amigas do teatro afeccionado organizan todos os anos unha mostra na súa lembranza.



0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada