maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


lunes, 11 de julio de 2011

Todos os teatros necesarios


A Sala Nasa non pode pechar

MF Vieites


Unha exclusiva de Faro da Cultura

España, e con ela Galicia, segue a ser una anomalía teatral en Europa, tamén no mundo. España, e con ela Galicia, é un deses poucos países onde os teatros non son casas de teatro, senón espazos de usos múltiples onde calquera actividade é posible, a veces todas menos o propio teatro. Esa situación xera verdadeiros prexuízos a un sector, o da creación e a difusión escénica, que non pode desenvolver todas as súas potencialidades e acaba por sufrir e padecer fortes dependencias pois os creadores carecen de ferramentas para poder desenvolver adecuadamente o seu traballo cunhas condicións mínimas.

Na inmensa maioría dos países do noso entorno, en cada teatro de titularidade pública, sexa cidade grande ou vila pequena, hai unha compañía de teatro (unha orquestra, unha compañía de danza), que ofrece un programa escénico que cobre un amplo abano, desde postas en escena de textos clásicos ata espectáculos específicos para a infancia e a mocidade. E esa maneira de funcionar acaba finalmente por xerar un fenómeno curioso que esquecen e mesmo descoñecen os que critican as “subvencións á cultura”, cando ademais saben que o Estado outorga moitas outras subvencións, tamén a fondo perdido, a outras instancias produtivas ou deportivas. Ese fenómeno curioso supón que as compañías de teatro non dependen das axudas oficiais, que reducen de forma substantiva, pois os seus públicos son, en realidade, os que, mediante abonos e outras formas de subscrición, manteñen economicamente a empresa. Hai compañías cun número de aboados que para si quixeran moitos clubs deportivos de primeira.

A anomalía do noso sistema teatral tamén deriva do feito de que durante os pasados vinte anos agromasen en Galicia varias salas “alternativas”, que, en realidade, supoñían unha alternativa a algo inexistente, pois ese teatro oficial, institucional e canónico que debería estar nos teatros, en realidade non existe, máis alá do Centro Dramático Galego. E nesa situación anómala o traballo realizado por esas salas cobra un valor excepcional.


A andaina da Sala Nasa en Compostela, e desde Compostela para toda Galicia, merece ser destacada, como tamén o merecen outras salas que realizan un labor similar, e aquí en Vigo temos a Sala Ensalle que xa supón un referente ibérico no campo de determinadas tendencias escénicas, como o foi no seu día a Sala Galán, de Compostela. Un traballo asentado nunha programación dinámica, variada, plural e sobre todo moi apegada aos desexos e expectativas dun sector da cidadanía que reclama un teatro acorde aos seus intereses. E eses cidadáns e cidadás tamén existen, votan e pagan impostos.

O labor da Sala Nasa radica tanto no traballo alí desenvolvido pola compañía Chévere, e lembramos espectáculos tan interesantes como Río Bravo, Annus Horribilis ou Citizen, como pola súa programación musical ou escénica, pero tamén polo feito de que alí tiveron unha manchea de novos creadores a súa primeira oportunidade de se confrontar co público. E falamos de creadores procedentes de ámbitos moi diversos, desde a danza contemporánea ás músicas emerxentes. Pois certo é que a dita sala sempre destacou por abrir as portas da súa escena a todo tipo de manifestacións culturais, algunhas cunha clara raizame popular e outras cunha marcada orientación vangardista. Por iso o traballo realizado adquire ese valor excepcional ao facer da “heteroloxía” un dos principios fundamentais da súa política cultural.

Fronte ás dinámicas de “democratización” da cultura que deberían ter posto en marcha os teatros (e auditorios) de titularidade pública, con outros modelos de xestión e funcionamento (converxentes con Europa), a Sala Nasa apostou decididamente polo modelo que complementa o anterior, pola denominada “democracia” cultural, que nace cunha idea diferente dos procesos de creación e difusión, máis asentados na participación activa da cidadanía na creación e na xestión cultural. En boa medida desde a Sala Nasa púxose en marcha un modelo que nos seus principios ideolóxicos, e ideoloxía significa saber das ideas, está moi próximo aos que nestes días pasados presentaron os colectivos abeirados ao movemento do 15M. Por iso a Sala Nasa resulta un perigo para certos sectores que promoven o pensamento único. E por iso mesmo a Sala Nasa é tan necesaria, porque democracia é pluralidade.


 Nestes momentos en que tanto se fala, e tan mal, de remudar o modelo produtivo, non estaría de máis reparar no rol que a cultura pode desempeñar nesa formulación. Hai cidades como Salzburgo, Aviñón ou Edimburgo, que ven como a creación e a difusión cultural supoñen unha porcentaxe importante da súa actividade económica e produtiva, tamén na súa imaxe de marca e na súa proxección nacional e internacional. Nestes momentos en que tantas persoas que se ven importantes tanto falan de Alemaña e do seu modelo produtivo, non estaría de máis que xentes tan informadas e reputadas reparasen no rol que as artes escénicas desempeñan no ciclo económico das cidades e “landers”, pois en economía non todo é ferro e cemento.

A Sala Nasa, coma outras salas similares, debería ser considerada parte do patrimonio cultural da cidade do Apóstolo, pois todos os teatros son necesarios, tamén aqueles que nalgún momento poder ser molestos para o poder, pois os demócratas verdadeiros aprecian e valoran a diversidade e potencian a pluralidade. Por iso a clase política que agora vai gobernar a cidade de Compostela debería facer unha análise repousada para ver todo o que a cidade e os seus habitantes van perder co peche anunciado da Sala Nasa, pois para o goberno en democracia da cidade todas as voces son necesarias, sobre todo as voces críticas.