maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


sábado, 22 de enero de 2011

Thomas Bernhard en galego


Denuncia da dominación

MV García

Traballo publicado en Faro da Cultura, Faro de Vigo


Despois de corenta e cinco anos dun encontro fortuíto con que vai ser o seu home, un inesperado cambio de destino que a integra no mundo exclusivo da oligarquía industrial, una muller reconstrúe o seu pasado nun acto de construción permanente da súa identidade, a dunha muller do común que por un golpe da fortuna se incorpora a un mundo que non é o seu. E nese acto mesmo de asunción dunha vida impropia inicia unha peripecia vital marcada polos paradoxos que se manifestan tanto nas circunstancias vitais que debe enfrontar como na maneira de se comportar cos outros, sendo un dos máis permanentes esa súa tendencia a facer preguntas que non deixa contestar. 

Na meta, obra de Thomas Bernhard que nos chega en versión galega de Ana Contreras e Afonso Becerra, mostra ese exercicio de configuración da identidade a través dun proceso de reconstrución da historia, a propia e a dos demais. Un tema recorrente na obra dun dos autores máis importantes da literatura de expresión alemá, que pouco antes de nos deixar presentaba unha das novelas máis inquietantes e sorprendentes de todo o século XX, Extinción. Agora vemos como unha muller fai reconto so seu pasado para mostrar a súa condición de estranxeira no mundo que habita, e ante o que mostra sentimentos encontrados, e dos que quizais o mellor síntoma sexa ese equilibrio incerto entre o amor e o odio ante todo, tamén ante un fillo hiperbólico.

A peza transcorre en dous espazos diferentes. No primeiro mostra a residencia habitual da familia, e no segundo a súa residencia de verán, nunha vila costeira á que se trasladan na compaña dun escritor novo que acaba de obter un inesperado éxito cunha peza titulada Sálvese quen poida, e que, en certa medida, vai ser unha sorte de espello do propio Bernhard. Un éxito que semella estar sometido ao puro azar, nese tempo suspendido que media entre o remate do espectáculo e o inicio da reacción do público, que pode aplaudir ou rabiar sen saber moi ben que mecanismos instintivos activan respostas tan dispares. Un recoñecemento explícito de que o favor do público obedece a criterios irracionais, algo infelizmente moi común en Europa enteira. E con esa visión do éxito tamén vai unha reflexión a respecto do teatro e da súa situación actual.

Hai obxectos especialmente relevantes en todo este xogo de reconstrución da historia familiar, poderosas metáforas da existencia. Dunha banda esas maletas que as dúas mulleres trasladan entre eses dous espazos e que conteñen obxectos cos que tecen e destecen as súas vivencias e fan a súa memoria; maiormente a memoria da nai, pois a da filla foi fagocitada toda ela por unha nai posesiva e castradora. Na súa relación e na súa comunicación con ela, a nai busca a petrificación da rapaza, a súa conversión en obxecto, en cousa inmóbil, procesos dos que tanto ten escrito Paul Watzlawick, na súa hermenéutica da comunicación patolóxica.

Por outra banda, as chaquetas, entendidas como roles cos que os outros constrúen a identidade daquelas persoas que sitúan nunha posición de submisión, subsidiaria. Chaqueta que pode ser tamén vestido, abrigo ou prenda que confire identidade. Unha maneira na que as persoas acaban por se converter en monicreques, movidos por fíos dun poder superior ou pola forza do costume. Dominación e submisión que Bernhard xamais deixou de combater, denunciando o xogo de roles co que se relambía unha sociedade dominada pola hipocrisía e polas máscaras sociais.   

Un texto que dá conta da mestría con que Bernhard constrúe a súa obra dramática no plano formal e no dos contidos, neste caso co falar incesante dunha muller que apenas escoita o que acontece ao ser redor, se ben aquí e acola se oian outras voces. Un monólogo que nos fai lembrar textos doutros autores célebres e únicos como James Joyce, Samuel Beckett, Julio Cortázar ou Bernard-Marie Koltès. Foi espectáculo producido por Ónfalo Teatro e cunha interpretación marabillosa de Luísa Merelas.

Modernismo radical. Un 8 de decembro de 1967 o grupo The Rolling Stones presentaba o álbum titulado Their Satanic Majesties Request, moi pouco comprendido naquela altura, sobre todo por algunhas comparanzas ben pouco afortunadas. Se ben se pode situar na tendencia crecente da psicodelia, tamén mostraba indicios claros do que van ser liñas de traballo da posmodernidade musical. Traballos como “on with the show” ou “In Another Land” acabarán por reflectirse na obra de creadores actuais, e neles asoman os arranxos de Brian Jones, que, coma Syd Barret, foi un músico experimental e moi avanzado naquel momento. O seu traballo como instrumentista foi fundamental naquel álbum.


Fronte á mestura de estilos, xéneros e rexistros, que tan ben define a creación posmoderna, Thomas Bernhard aposta polas esencias, pola palabra e polo drama, é dicir por unha acción ben definida e ben construída, aínda que sexa polisémica. Por iso vai ser, con Beckett ou con Pinter, un deses autores que destaca por unha defensa radical da modernidade. Curiosamente nin Johannes Birringuer, nin Michael Vanden Heuvel o consideran autor posmoderno, e Hans-Thies Lehmann esquece o seu nome no seu estudo sobre o teatro posdramático. Pois Bernhard é autor moderno, sobre todo na dimensión crítica e política do seu traballo e no seu rexeitamento de tradicións rancias.




martes, 18 de enero de 2011

Rí Deircc, o Rei Roxo

A historia verdadeira de Mac Bethad

MV García

A verdade histórica depende sempre de quen escribe a historia. Así, o Reino de Galicia desaparece da Historia de Europa ao ser asimilado ao Reino de León, e despois ao Reino de Castela, por razóns alleas ao decorrer da historia. Porén, a verdade histórica debería asentarse en feitos, aínda que moitas veces a historia verdadeira acaba por verse escurecida, ou esquecida, pola verdade literaria e pola que constrúen as crónicas. Estas dúas últimas verdades son cousas de amanuenses e autores, que, en épocas pasadas e actuais, se poñen ao servizo do poder para lexitimalo ou para cantar a súa gloria.

O retrato que William Shakespeare fai de Mac Bethad mac Findlaích (1005-1057), en inglés coñecido como Macbeth, non se axusta á realidade dos feitos. Tampouco se axusta á realidade histórica o procedemento que el establece para a sucesión ao trono do Reino de Alba, pois, nun país gobernado por clans, non obedecía a criterios da primoxenitura. En Irlanda ou Escocia seguíase a norma celta, que Inglaterra perdera tempo atrás, candos os bretóns insulares foran apartados do poder polos anglos, os saxóns e outras tribos normandas e xermánicas.

Para a historiografía gaélica, a morte de Macbeth supón a fin da dinastía propiamente celta, e o inicio dun camiño que acabará na dominación inglesa. Diversas crónicas gaélicas ofrecen unha visión do seu reinado, o de Mac Bethad, completamente diferente á que nos ofrece Shakespeare, pois lonxe de ser considerado un tirano, foi querido e apreciado por defender o Reino de Alba fronte a invasións diversas. Shakespeare coñece unha considerable fortuna e ventura xusto despois da morte de Christopher Marlowe, que aumenta considerablemente coa chegada ao poder de Xacobe I de Inglaterra e VI de Escocia. Xacobe pertencía á casa dos Estuardo, que segundo diversas crónicas, asentadas na Scotorum Historiae de Boethius e na Holinsheds Chronicles of England, Scotland, and Ireland, tería os seus antecedentes en Walter fitz Alan, fillo de Fleance e dunha princesa galesa. Non esquecemos que en 1603 a compañía na que traballaba Shakespeare, The Lord Chamberlain’s Men, pasa a ser patrocinada polo tal Xacobe I, e a denominarse The King’s Men. Unha parte da obra histórica de Shakespeare está escrita a maior gloria da monarquía imperante, e constitúe unha propaganda moi precisa a respecto da importancia e o valor da casa real.

Nesa dirección, na obra de Shakespeare encontramos unha visión moi precisa dos inimigos da coroa inglesa, sobre todo da nación irlandesa, a que, naquela altura, vive unha horrible deturpación dos seus sinais de identidade, mentres se procedía ao reparto de terras entre nobres, fidalgos e soldados ingleses, ou se pechaban e queimaban aqueles conventos nos que tanto florecera a cultura gaélica. Con independencia da calidade da súa obra, Shakespeare, coma outros, púxose ao servizo da coroa, primeiro cos Tudor e despois cos Estuardo.

No caso da peza titulada Macbeth, Shakespeare establece con claridade que Xacobe I descendía do fillo de Banquo, lexitimando así a súa causa, e dándolle aos Estuardo unha dimensión heroica, fronte á dimensión pérfida do seu opoñente Macbeth. O feito de ser anunciada esa futura condición real dos seus descendentes por tres bruxas, quizais teña algo que ver coa paixón que Xacobe I sentía polas cousas do demo, pois chegou a publicar un estudo titulado Daemonologie.

Flores de Dunsinane, peza que nos chega da man de Manuel Lourenzo, coa que o do Valadouro gañou o Premio Álvaro Cunqueiro en 2009, recrea un momento na vida do fillo de Banquo, o tal Fleance, aquel no que se apresta a morrer e decide recuperar a historia compartida con Macbeth e a súa muller. Compón así unha sorte de fantasmagoría na que as voces do pasado volven ao presente para dar conta de vellos crimes. Non de todos. Shakespeare non lle fixo xustiza ao rei roxo de Alba, como tampouco non lla fixeron outros dramaturgos que viñeron despois del, e no imaxinario colectivo figura coma epítome da ambición, da desmesura, da traizón, mesmo da tolemia. A verdade literaria imponse sobre a verdade histórica, infelizmente. Mais a súa historia non deixa de sumar novos títulos, coma o que serve de pretexto para o espectáculo que en 2010 presentaba a Royal Shakesapre Company, o titulado Dunsinane, a partir da obra de David Greig. No ano 2008 publicouse a obra de Noah Lukeman, The Tragedy of MacBeth Part II: The Seed of Banquo, na que o autor norteamericano recrea a loita polo poder entre o rei Malcolm e o aspirante Fleance, quen finalmente se converte en rei de Alba. Parte do feito de que no Macbeth de Shakespeare queda por verse cumprida toda a profecía, pois en efecto se anuncia que a proxenie de Banquo chegará a reinar. Partindo do feito de que Shakespeare escribiu dramas históricos en varias partes (Henry IV ou Henry VI), Lukeman decide dar continuidade a un proxecto que por algunha razón o autor inglés non tería rematado. E así nos chega esa segunda parte na que a profecía se cumpre finalmente, para maior gloria dos Estuardo. Sempre igual, sempre contra Mac Bethad.