maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


domingo, 21 de noviembre de 2010

Pedras

Pedras que agochan os dramas de sempre

MF Vieites


Desde hai catro anos a Radio Galega, desde o Diario Cultural que tan ben dirixe Ana Romaní, coa colaboración dun equipo notable, vén convocando un premio anual de creación dramática radiofónica. É este un xénero, o do drama radiado, que gozou noutro tempo dunha enorme audiencia e coñeceu moi diversas variantes, pois as radionovelas non deixan de acollerse aos principios da dramatización da historia que se quere trasladar ao público ouvinte. Recuperalo é un acerto.
Alén doutras virtualidades que se queiran considerar, este premio está servindo, para que agrome nas ondas e na páxina impresa unha nova fornada de voces novas que son especialmente necesarias para manter o pulo dunha dramática propia, cada vez con máis urxencias. Son poucos os espazos que teñen estas voces novas para trasladar ao público lector as súas propostas, e apenas existen posibilidades para que cheguen ao público espectador. Por iso esta iniciativa da Radio Galega e do Diario Cultural ten tanto valor; sabido é o que teñen naqueles sistemas literarios minorados, e o feito de que esa manchea de novos autores e autoras se teña que acoller a ese espazo case único como medio case único de acceder á esfera pública é unha boa mostra das disfuncións do noso sistema teatral, nestes momentos ao borde do colapso. Mais non esquecemos o traballo de editoras como Laiovento ou da Revista Galega de Teatro para paliar tantas e tantas carencias. Vaiamos agora coa literatura.
Indoor, asinado por Vanesa Martínez Sotelo, foi o Premio do Xurado. Un texto aberto a moi diversas interpretacións, en tanto os referentes son moi variados, entre eles os que levan á obra do escultor Constantino Brancusi. A situación de partida é ben sinxela: hai unha parella, e un dos seus integrantes, a muller, faise pedra ou fan que sexa pedra, e reclama axuda para saír do estado mineral en que se atopa, ou no que a colocan. Sexa cal for o camiño que queiramos tomar na nosa esexese, sempre imos atopar esa muller que se resiste a ser pedra, e a picaraña nas mans do home que finalmente acaba por derruír a mesma pedra que noutrora foi muller, e que mesmo despois de se transformar en ruína segue a reclamar cun brado agónico a súa condición de non ser pedra. Resulta moi suxestiva e poderosa esa imaxe final na que todo se derrúe, que tantas e tantas asociacións pode provocar. Non hai tanto en Vigo asistiamos impotentes á demolición do fogar humilde dunha familia humilde, mentres as altas torres dos poderosos seguen incólumes, alleas á picaraña ou á carterpillar. Pedras. Símbolos.
O Premio da Audiencia, que concede o público ouvinte, foi para o texto titulado O vento da Illa, asinado por Begoña García Ferreira, de quen se levan publicado varios textos en anos recentes, coma O mal da vaca, co que obtivo o Premio do Xurado na II edición, ou Bon Apetit, un texto co que obtén o Premio Barriga Verde na VII edición, modalidade de obra infantil. Nesta ocasión o texto recrea o momento en que unha muller cobra no corpo dun maltratador, tópico e típico, o pago en sangue dunha vella afronta, desas que a cotío padecen as mulleres maltratadas, utilizadas, usadas como simples obxectos. Do diálogo entre ambos abrollan as estratexias da dominación masculina.
Outra traza ten Nunca me esquecerei de ti, texto asinado por David Rodríguez Rodríguez, poeta e dramaturgo vigués, finalista deste Premio que comentamos, que gañara na súa primeira edición con O bambán. A obra recrea o motivo do esquecemento e da memoria, mais na fin as pedras saen de novo ao noso encontro, pois se con pedras se fai memoria dalgúns casos, noutros as pedras son lousas ante feitos que se queren esquecer, e velaí temos esa historia case borrada daqueles anos en que a barbarie converteu a tantas persoas en simples obxectos, tirados na cuneta o na fosa común. O río do esquecemento está cheo desas pedras nesa noite ben longa de pedra da que falou o noso poeta.


Seres que son pedras

 Estes tres textos que nos chegan da man de Edicións Xerais de Galicia, partillan cando menos un trazo común, que ten que ver coas diferentes estratexias por medio das que os seres humanos tentamos converter a outros seres humanos en obxectos ao noso servizo. Hai xa bastantes anos, souben dunha historia arrepiante na que dous executivos de alta gama, nunha viaxe de Santiago a Londres, animados quizais por xenerosas doses de licor con xeo, falaban en voz alta das súas experiencias nun país de nome Tailandia. Falaban das súas aventuras con rapaciñas novas, que para eles non eran máis que simples obxectos. Pedras.
Ese fenómeno da petrificación foi estudado por psiquiatras coma Ronald  D. Laing, quen explicaba que coa mesma non se persegue outra cousa que a completa anulación do outro, a través da laminación da súa vontade e da súa identidade. E nestes tres textos hai un pouco diso, se ben a estratexia se presente de forma diferente en cada caso. No primeiro de forma evidente, con esa muller que non quere ser pedra e no segundo nas lerias coas que o home tenta someter a muller. No terceiro coa pesada lousa do esquecemento, que agocha os nomes dos mortos; a subversión que propón da festa do esquecemento acaba por ser unha defensa da súa memoria, por erguer as lousas de pedra que os agochan.