maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


domingo, 19 de septiembre de 2010

Do crime e das belas artes


Un enigma por resolver

MF Vieites

Thomas De Quincey publicou en 1827 unha das súas obras máis consideradas, On Murder Considered as One of the Fine Arts. Con independencia de que o asasinato poida ser considerado ou non unha das belas artes, si alentou a creación de moi fermosas obras de arte. Moitas grandes obras literarias da historia asentan a súa peripecia ou motivo central nun crime. Máis recentemente, coa chegada da mentalidade ilustrada e da explicación racional do real, cobran un pulo especial aquelas obras de ficción que non só tratan dun crime senón que o seu asunto central se orienta á resolución das súas causas e da súa autoría. Edgar Allan Poe ou Arthur Conan Doyle son dous autores que teñen establecido as bases dun xénero que se ten desenvolvido especialmente no eido do relato, a novela e a creación audiovisual, primeiro no cinema e agora na televisión. Falamos de novela negra e de cine policial.

No eido do teatro, e no da creación dramática, hai exemplos moi notables. O crime ten dado lugar a un xénero noutrora moi popular coma foi o “grand-guignol” francés, do que en certa medida deriva o actual “gore”. Certamente este tipo de pezas ten unha das súas fontes nas denominadas comedias de intriga que foron cultivadas en todo tempo e lugar e nas que un dos motivos máis frecuentes era a confusión de identidades, o que provocaba todo tipo de problemas que se resolvían en apenas un suspiro no último momento. Así acontece coa titulada Os xemelgos, de Plauto, ou en Un chapeu de palla de Italia, de Eugène Labiche.

Tamén hai textos que, sen teren chegado a constituír un xénero, se abeiran a esa tendencia a converter a resolución do enigma no asunto central. The Mousetrap é unha peza de Agatha Christie que se estreou en 1952 en Nottigham e desde aquela se vén representando de forma continuada coa mesma produción. Desde 1974 está no St. Martin’s Theatre de Londres. Trátase do espectáculo co ciclo máis lonxevo na historia do teatro. Un texto de similar importancia é o que John Priestley titulou An Inspector Calls, que foi presentado en Moscova en 1945 e un ano despois en Londres. Un clásico.

Planificación estratéxica é o título dunha nova peza que nos presenta Edicións Laiovento na súa colección Cadernos de Teatro, que xa vai polo seu número 15. Trátase dun texto que pertence xustamente ao xénero policial e que propón ao lector participar na resolución dun crime. A situación de partida non pode ser máis interesante, pois estamos ante un triángulo amoroso, que se vai revelando pouco a pouco, e do que van desaparecer, asasinados, dous dos seus integrantes. Queda con vida Henrique Couselo, o mesmo que na rúa contempla como ao seu xefe, Pascual, lle pegan un tiro que o deixa ás portas da morte, o mesmo que desde hai tempo mantiña un romance coa muller dese xefe seu, con Luísa. Unha muller que aparece morta na súa casa, e ao rente dela a mesma pistola coa que lle dispararon ao Pascual. E polo medio unha carta, a que Pascual lle dera a Henrique momentos antes de recibir o mortal disparo, e que lonxe de ser un escrito con instrucións para planificar o traballo na empresa, acaba por ser a carta de amor apaixonado que Henrique lle escribira a Luísa.

Eses son os feitos que, tirando do fío, vai ir establecendo o inspector Lodeiro na súa oficina, entre as doce da mañá e a as catro e pico da tarde do día de autos. O problema consiste en saber quen foi realmente a persoa que acabou coa vida de Pascual e se a mesma persoa acabou tamén coa vida de Luísa. Posibles candidatos hai dous: para Henrique todo acabaría sendo unha maxistral maquinación do seu xefe, que buscaría prexudicalo; para o inspector Lodeiro as cousas non estarían tan claras, cando menos se consideramos a valoración que fai do Henrique: “ou é vostede moi parvo ou é incriblemente listo”.Velaí o problema. Quén é o asasino?

Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963), traballa como coordinador do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. En palabras súas, o feito de non vivir da literatura, como narrador ou dramaturgo, fai que enfronte a súa carreira literaria cunha relativa calma. De 2007 data Comedia Bífida, texto no que recrea situacións cotiás vinculadas cos usos da lingua galega e cos prexuízos que alentan o comportamento diglósico dos máis, dos que teñen unha lingua con dúas linguas. Unha peza que provocou una certa polémica no seu día, dada a posición que algúns colectivos e plataformas dixitais mantiveron contra dela e da súa representación.

En 1987 gañou o Premio Xiria de Creación Teatral con outra peza memorable, a titulada O achado do castro, que vai ser unha das pezas dramáticas cunha maior distribución editorial, pois xa vai pola súa quinta edición, ao ser un texto recorrente nos espectáculos teatrais escolares e comunitarios. Unha peza moi divertida que recrea peripecias diversas acontecidas na Roma imperial, e que vén resultando ser reconstrución dun manuscrito atopado nun castro galego, que un presentador, erudito e latinista, vai presentando ante lectores e os propios actores na súa adecuación ao personaxe.