maderne / crítica literaria e teatral... E POLÍTICA

un espazo para partillar críticas, comentarios, reseñas e outros documentos sobre literatura, teatro, arte, cultura..., POLÍTICA, amenizado por MV García

reproducidas na lingua en que foron escritas, sen máis


domingo, 11 de julio de 2010

Dramática nova

Literatura dramática galega

Un fato de voces novas

MF Vieites

Contra finais do século pasado, non estaba claro que a nosa literatura dramática tivese visos de continuidade. Aos poucos ían aparecendo novos autores e autoras, pero non acababa de agromar unha fornada enteira de persoas coa vontade de facer da literatura dramática un marco máis na resistencia creativa dunha lingua que se nos vai, aos poucos pero irremisiblemente. Nestas circunstancias, e diante da anemia evidente dun sistema teatral que nunca foi, e agora en claro proceso de desmantelamento, non semella que teña moito sentido escribir para un silencio case obrigado, pois mesmo a impresión non acaba por dar visibilidade a esas voces que teiman por saír dun silencio inevitable.

Non son estes tempos para a literatura dramática, malia que a palabra volveu recuperar presenza na escena. O que ocorre é que en Galicia hai poucos espazos para potenciar unha dramática propia e só aquelas persoas vinculadas coa creación escénica acaban por ver os seus textos transformados en espectáculos. Para todas as demais persoas só cabe o silencio. Noutros países cun sistema teatral consolidado, as novas voces contan con espazos ben establecidos nos que iniciar a súa andaina. Así, en Inglaterra esas novas voces atopan incentivos e apoios en institucións tan prestixiosas coma o National Theatre ou o Royal Court, que todos os anos realizan lecturas dramatizadas ou producións básicas con textos seleccionados por comités de lectura constituídos por persoas ben coñecedoras do campo literario. Algúns deses textos tamén acaban sendo espectáculos noutras compañías, desde as independentes até residentes coma o Birmingham Rep.

A promoción da literatura dramática nacional é unha actividade permanente de diversas institucións británicas, que se realiza con rigor e precisión, sempre coa finalidade de que autores e autoras do país vexan os seus textos estreados en países moi diversos. Na fin, esa promoción serve para proxectar e prestixiar a cultura propia pero tamén para recibir os réditos que se derivan de permisos de produción ou edición. Esa estratexia acaba por producir beneficios tanxibles, e moitos intanxibles. En Galicia esas estratexias son impensables porque o noso sistema teatral non pasou sequera a fase do deseño previo á súa construción, o que implica que o oficio de escritor dramático se deba entender de momento como utopía. Faltan lectores e faltan espectadores, pero tamén faltan compañías coa diversidade produtiva necesaria para promover unha dramática propia. E as únicas compañías capaces de desenvolver esa tal diversidade produtiva serían as compañías residentes verdadeiras, non as que agora se queren desenvolver, que non deixan de ser proxectos de estabilidade. E benvidos sexan eses proxectos, mais a residencia teatral é outra cousa.

Por iso hai que agradecer iniciativas como as que desde hai tantos anos vén promovendo Francisco Pillado, primeiro desde os Cadernos da Escola Dramática Galega, despois desde os Cadernos de Teatro e agora desde os Cadernos de Teatro Laiovento. Tamén hai que destacar o feito de que a revista Casahamlet teña abertas as súas paxinas a novos autores e autoras, que, cando menos, ven a súa palabra impresa, fóra da escura gabeta. Igualmente desde a Revista Galega de Teatro se aposta por esa nova formada de voces que poidan garantir a existencia dunha dramática propia.

No caso de Laiovento, hai que salientar eses dous volumes titulados Novos Autores (I e II), que nos achegan textos de Xabier Abalo, Eva F. Ferreira, Olivia Pena, Vanesa Sotelo, Roi Vidal, Zé Paredes, Juan de Oliveira, Xosé Manuel García ou Antonio López Rico. A revista Casahamlet, no seu último número inclúe textos, entre outros, de Jacobo Paz ou Teresa González Costa. A Revista Galega de Teatro presentaba hai pouco un texto de Santiago Cortegoso. Unha nómina incompleta na que habería que sumar nomes coma os de David Rodríguez, Begoña García Ferreiro, Lois Pérez Díaz, Fátima Rodríguez Figueiras ou César Candelas, asociados ao Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que promove o programa dirixido por Ana Romaní.

Xeración milagre?

Os nomes, nestes caos, poucas veces son afortunados, pero serven para describir a realidade, e no caso da literatura ou das artes teñen unha utilidade práctica evidente, por moito que non deixe de ser unha maneira máis de utilizar a estratexia da cinta métrica. Non estamos agora diante dunha xeración “perdida” por inexistente, senón máis ben diante dunha “xeración milagre” ou “gañada” se así se quer. Aínda que ao mellor tampouco poidamos falar de xeración. Con todo, benvidas sexan estas voces novas que nos permiten manter a esperanza dunha continuidade moi necesaria para a literatura de expresión galega e tamén para un teatro aínda por facer e construír.

É cedo aínda para facer unha valoración crítica, pois a maioría está apenas comezando. Mais utilizan estratexias propias de promocións anteriores, como a brevidade, se ben agora o uso da fragmentación nalgún casos é moito maior, mais tampouco non faltan autoras e autores que aposten pola tradición da peza ben feita, ou os que utilizan liñas narrativas propias da banda deseñada. Algúns textos fannos lembrar pezas vellas da nosa dramática, como aquela Sabel que publicara Álvaro de las Casas, e os menos vincúlanse con autores e autoras máis contemporáneos, coma Harold Pinter, Angélica Lidell ou Heiner Müller. En bastantes ocasións estamos ante simples exercicios de estilo, sempre necesarios e moi aconsellables para ir construíndo un estilo persoal e un discurso propio. Nos temas, moita diversidade, moita indagación.